Novo calendario fiscal
O Boletín Oficial da Provincia recolleu o luns, 25 de maio, o novo calendario fiscal para o cobro de tributos e prezos públicos que o ORAL ten delegados por parte de distintos concellos da provincia, entre eles Tui.
Este novo cendario fiscal,que rexerá de xuño a decembro, afecta aos tributos e prezos públicos naqueles concellos e entes que teñan delegados os seus cobros ao ORAL. En concreto é do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e diferentes taxas e prezos públicos municipais.
Estableceuse un Plan de Pagos Personalizados COVID-19, habilitado para facilitar o pago fraccionado das cotas do recibo correspondentes ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), no período voluntario de pagamento.
Para acollerse a este Plan de Pagos Personalizados COVID-19 as persoas interesadas deberán presentar a solicitude antes do 15 de xuño a través da oficina virtual do ORAL (https://ovt.depo.gal) ou a través do resto de sistemas regulamentados na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas co modelo normalizado. O pagamento realizarase en ata 6 mensualidades sen existir unha contía mínima no importe de cada prazo.
O periodos voluntarios de pago fixados no novo calendario fiscal son:
-
Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica: do 15 de xuño ao 3 de setembro
-
IBI: do 25 de xuño ao 5 de novembro
-
IAE, do 4 de setembro ao 16 de novembro
-
Taxas e prezos públicos:
-
1ª Cobranza: ata o 22 de xuño
-
2ª Cobranza: do 15 de xullo ao 15 de setembro
-
3ª Cobranza: do 16 de setembro ao 16 de novembro
-
4ª Cobranza: do 30 de outubro ao 30 de decembro
-
A data dos cargos domiciliados ao abeiro do Plan COVID-19 será o día 5 de cada mes a partir do 5 de xullo para o IVTM e o IBI e o día 5 de cada mes a partir do 5 de setembro para o IAE.
O ingreso poderá realizarse a través da oficina virtual do ORAL ou a través de calquera entidade bancaria colaboradora. Os documentos de ingreso dos recibos non domiciliados en entidades financeiras enviaranse por correo postal ordinario ao domicilio único de cada contribuínte.
A Oficina do ORAL en Tui, situada na Área Panorámica, volve realiza atención presencial pero só con cita previa que se deberá solicitar no 986 804 100.