Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A nova oficina de turismo de Tui abre as portas a unha inédita marca turística

29/01/2022

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, acompañado pola  Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e os socios do proxecto  Interreg Río Miño Navegable, serán os encargados de inaugurar  a Oficina de Información e Turismo o próximo mércores, 2 de febreiro, ás 12 h

O sector turístico é un eixo estratéxico para Tui e, en especial, unha oportunidade para  fortalecer o desenvolvemento sostible da zona, servindo de motor para a súa economía  urbana. Dende o propio Concello, Salvaterra, Monçao, Valença, Turismo de Galicia,  Turismo Norte de Portugal e Patrimonio Natural levan anos traballando para poder  actualizar e acadar unha oferta de calidade que contemple absolutamente todo o que a  localidade e a súa contorna ten para atraer aos visitantes.  

Unha nova oficina para mellorar a experiencia dos turistas 

Nesta liña, o concello transformou con cargo a fondos europeos do proxecto Interreg  Río Miño Navegable (Programa de Cooperación Transfronteirizo Interreg V A 2014- 2020), o inmoble de propiedade municipal que nos últimos anos albergara o Xulgado  de Primeira Instancia e Instrución nº3 de Tui, para reconvertelo nunha oficina de turismo  máis accesible, céntrica e ampla que se inaugurará o vindeiro mércores, 2 de febreiro.  O acto de presentación dará comezo ás 12.00 horas, e correrá a cargo do Alcalde de  Tui, Enrique Cabaleiro González, que estará acompañado pola Directora de Turismo  de Galicia, Nava Castro Domínguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra,  Carmela Silva Rego; e os socios do proxecto Río Miño Navegable. 

O acto continuará ás 12.30 horas cun percorrido guiado polo casco antigo da localidade  para rematar, ás 13.00 horas, no Convento de Santo Domingo de Tui, onde os asistentes  poderán degustar un aperitivo. 

Un proxecto máis ambicioso: ‘Río Miño, un destino navegable’ 

A mudanza de localización e a renovación da Oficina de Turismo non é un simple cambio  illado, senón que responde a un obxectivo moito máis ambicioso no que o fin é mellorar  a experiencia global de acollida aos visitantes, así como abrir unha nova e atraínte  vía de acceso ao turismo da man do proxecto ‘Río Miño, un destino navegable’. A  nova marca turística transfronteiriza que mira con esperanza ao Miño, presentada xa en  FITUR, desenvolverase polo miúdo durante o acto de inauguración da oficina. 

O río Miño ten un valor natural incalculable, sen embargo, polo de agora o turismo  vivira de costas ás particularidades e ás posibilidades que ofrecía no seu tramo final,  precisamente onde serve de fronteira a Galicia e o norte de Portugal. Conscientes de  que non é o mesmo ver o seu discorrer desde a beira que nunha travesía, o concello  de Tui, da man dos municipios de Salvaterra do Miño, Valença e Monção somérxense  no proxecto e na consolidación da marca Visit Río Miño. O seu fin é o de crear unha  ruta fluvial mellorando a navegabilidade do río, para así favorecer a conectividade  da Eurorrexión, a interrelación entre estas dúas eurocidades (Tui-Valença e Monção Salvaterra), ao tempo que ofrecen produtos turísticos cada vez máis atractivos para os  visitantes. Para acadalo, contouse cun presuposto de máis de 1 millón de euros dos que  Europa, a través de fondos Interreg, aporta o 75%. 

Durante o acto de inauguración daranse a coñecer as diferentes accións que confluirán  na creación de distintas rutas turísticas, así como o que suporá esta nova marca turística  para a localidade tudense.