Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Nadadora abre a programación de outono no Teatro Municipal

21/09/2011

Toda a información está na web www.culturatui.info

Abrangue trece espectáculos cun orzamento de 45 mil euros

 

Trece espectáculos conforman a programación de outono  no Teatro Municipal de Tui que se vai desenvolver entre este venres 23 de outubro e o 30 de decembro. Música, teatro, danza, maxia... serán algúns dos xénero presentes nesta oferta cultural que foi presentada esta mañá no mesmo teatro por Juan Carlos Fasero, director do AGADIC, os músicos Jose Manuel Budiño e Víctor Coyote, xunto á concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.

 

A concelleira  de Cultura, Vanesa Rodríguez deu conta pormenoriza dos espectáculos previstos, un total de 13 dos que dez forman parte da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios, e dous do programa “Galicia é Música” Haberá catro espectáculos infantís, e nove para adultos.

 

No eido musical o primeiro concerto  será este venres para presentar o último traballo do grupo Nadadora titulado “Luz, oscuridad, luz”.  Sara Atán, Gonzálo Ábalo, Montxo, Dani e Edu expoñen neste disco as súas cualidades convertendo as novas cancións en imaxes de son. Nesta cuarta entrega dos seus traballos discográficos Nadadora da o estirón e sitúase nunha nova altura, na que se moven con soltura e talento. As súas cancións teñen melodías pegadizas que se moven no claroscuro. Esta banda indi-pop actuará no Teatro Municipal de Tui este venres, 23 de setembro, ás 21.30h. As entradas están xa á venda na web www.culturatui.info, ata o venres ás 14h, ao prezo de 5 e 3€. Tamén se poden adquirir o propio venres no despacho de billetes dende ás oito da tarde.

 

A próxima semana, o venres 30 ás 21.30h, será a quenda de Xosé Manuel Budiño coa presentación de “Volta” un traballo froito dunha viaxe por catro continentes. O propio músico explicaba que lle fai moita ilusión volver a Tui, onde actuou hai quince anos presentando o seu primeiro disco.  Neste traballo “Volta” fusiona a música tradicional e a contemporánea.

 

Xa en novembro o sábado 12 ás 20.30h o tudense Víctor Coyote ofrecerá un concerto moi especial do seu novo disco “2 años luz y cuarto” que saíu á rúa o pasado mes de abril. Un disco que o propio Víctor Coyote salientaba que se xestou en parte en Tui coa colaboración de músicos da cidade coma Lucas Fernández ou Pancho Álvarez. Agora volve á cidade para coa colaboración de grandes músicos, algunha sorpresa e a mirada posta en Portugal ofrecer un formato máis amplo destas cancións.

 

O director do AGADIC, Carlos Fasero, salientou a implicación do organismo que dirixe con aqueles concellos que traballan a programación, e puña Tui coma exemplo diso, o que se reflicte tamén na ocupación do teatro por riba da media galega.  Felicitou ao Concello por unha programación que cualificou de “moi boa, cun nivel artístico moi bo e en moitos casos excelente” remataba convidando ao Concello a continuar o traballo por esa liña e aos espectadores a acudir ao teatro.

 

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo que “a programación é espectacular pola calidade dos artistas grazas ao AGADIC porque senón con fondos propios sería imposible”. Nese senso lembraba Tiña palabras de felicitación a Concellería de Cultura pola programación lograda, e ao departamento de cultura polo traballo realizado.

 

Programación de Outono

A programación de outono comeza este venres ás 21.30h con Nadadora en concerto. Continuará o venres 30, tamén ás 21.30h, co directo de Xosé Manuel Budiño.

 

Xa en outubro hai un cambio con respecto a programación que figura na Axenda Cultural “Corredoira” xa que venres 7 ás 20h actuará Panamesiana Teatro con “Oh qué bonito é Panamá” unha obra infantil. A actuación de clown musical de Pista Catro prevista para ese día terá lugar o 21 de outubro. O sábado día 8 Fulano, Mengano e Citano presenta a súa nova obra “Viva a crise1ª, e o día 14 ás 21.30h a compañía Lagarta, Lagarta volve a Tui con “Unha hora na vida de Stefan Zweig”.

 

A programación de novembro ábrese coa produción de “O Florido Pensil” da man de Eme2, que vén de ser estreada no día de onte en Santiago. O día 11 a cita será para os nenos con Tanxarina Títeres e a obra “Trogloditas”. Ao día seguinte, sábado 12, Victor Coyote presenta no teatro o seu traballo “Dos años luz y cuarto”. O mes rematará o día 18 con Talía Teatro e “Pelos na lingua” e o 25 co espectáculo de danza “Shoah” da man da compañía “Sine Die” de Paula Cobián.

 

Xa en decembro a maxia será protagonista o día 23 con Cayetano Lledó, e a música pecha a programación do día 30 co Concerto de Fin de Ano a cargo da Coral da S.I. Catedral e a Banda de Música Popular Tui.

 

Toda a información está a dispor dos interesados na web www.culturatui.info onde se poden adquirir as entradas para cada espectáculo na semana previa a súa celebración.

 

Nadadora

Data: Venres, 23 de setembro, ás 21.30

Lugar: Teatro Municipal no edificio da Área Panorámica

Entradas: 5 e 3€

Á venda en www.culturatui.info ou o día do concerto dende ás 20h no despacho de billetes.