Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Na morte de Xosé Luis Méndez, "Lis"

27/09/2011
Entrada extraída de | Tudensia
 
Impactado aínda pola luctuosa noticia da morte, neste xoves 22 de setembro, do pintor tudense Xosé Luis Méndez “Lis” dende as páxinas de “Tudensia” queremos rememorar a este singular artista, participante asiduo na vida tudense ao longo das últimas décadas, con estas liñas de lembranza garimosa.
 
Xosé Luis Méndez Rodríguez, tiña nacido en Tui en 1958 e dende novo amosou a súa habelencia con lapis e logo cos pinceis.  Xa con 17 anos participa na I Mostra de Arte Popular no Baixo Miño en A Guarda e no ano 1980 realiza a súa primeira exposición individual na Casa da Xuventude tudense. Dende aquel numerosas exposicións colectivas e individuais enchen a traxectoria artística de “Lis”, que no ano 2008 expón na Casa de Galicia en Madrid e finalmente en xuño do pasado ano 2010 na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, na que sería a súa derradeira exposición individual, “A cor da música”. Estas dúas últimas mostras en compañía do escultor Raimundo Martínez “Rai”.

Na obra de “Lis”  color e a luz se converten en absolutos protagonistas e na súa mistura xorden as formas e obxectos, creando ao longo dos anos un estilo propio, unha xeito de composición moi propio que singulariza a súa producción. O seu interese pola composición, creada sobre a base do dominio do debuxo e dunha sabia combinación de cores, luces e apuntes de figuración creada a partires de liñas que definen as masas cromáticas era un tema recorrente nas súas conversas.

Como sinala o critico Silvestre Gómez, “A pintura de Lis é unha sinfonia e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposibles pentagramas que mostra a consolidación dun estilo persoal (...) que procura novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos”.

Pero como autor, en boa medida autodidacta, tamén traballou noutros ámbitos artísticos, como foi o cartelismo –ao longo de varios anos foi autor, por exemplo, do cartel anunciador das festas de San Telmo- e compartiu labor con escultores do Baixo Miño, como é o caso de Antúnez Pousa. Esta polivalencia foi enriquecedora para a súa producción artística.

Perde Tui un singular artista que nos ten enriquecido coa súa aportación onde as cores, nas súas últimas series retratando músicos, son o elemento substancial do seu particular estilo. Posiblemente o máis esencial da achega artística de Lis sexa o seu peculiar estilo, certamente único, que identifica á súa obra, froito dunha alongada traxectoria de traballo e aprendizaxe.
Coas nosas condolencias para os familiares e amigos, sirva este post de sinxela lembranza á figura de Xosé Luis Méndez, “Lis”.