Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A música será unha das grandes protagonistas da programación “Tui, o Camiño do Nadal”

3/12/2021

Mistura Vocal, a Banda de Música Popular de Tui, as corais tudenses , e grupos folclóricos das parroquias participarán neste programa

“Tui, o Camiño do Nadal” volve ser este ano o lema da programación elaborada polo Concello con motivo destas festas, na que a música terá gran protagonismo.

O acendido da iluminación de Nadal e a inauguración do Mercado de Nadal esta tarde marcan o inicio do programa previsto no que de novo o Camiño de Santiago Portugués, do que Tui é a porta de entrada en Galicia, conduce esta oferta de lecer, na que a aposta polo local e pola economía circular volve a estar  moi presente.

A primeira proposta musical chegará o sábado 11, ás 20 h, ao Teatro Municipal de Tui co concerto “A historia da luz” da man de Mistura Vocal, nun espectáculo no que as voces dos integrantes deste grupo, xunto a bailaríns e unha narradora achegará ao público a un fermoso espectáculo.

O xoves 16 de decembro, ás 20 h, tamén no Teatro será o alumnado e profesorado do Conservatorio quen interprete o seu tradicional concerto de Nadal.

O venres 17 ás 19 h chega a Tui “Un conto de Nadal: 100 anos de verbena galega”, un espectáculo que brindará en directo ao público temas clásicos do Nadal xunto ao outros tradicionais nas verbenas. Sobre o escenario estarán La Oca Band xunto a Noelia Solleiro, Blas Piñón de “Paris de Noia”, Lito Garrido de “Panorama”, Jota Santana, Ángel América ou Marta Valiño.

As tres corais de Tui, do Centro Sociocomunitario, Ponte da Febres e San Telmo, ofrecerán un concerto no Teatro Municipal o xoves, 23 de decembro, ás 21.30 h.  Mentres o concerto de Fin de Ano, o xoves 30 ás 21.30 h, correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui.  Para os eventos previstos no teatro a reserva de entrada comezará o próximo martes, 7 de decembro, en www.tui.gal.

Tamén ao longo destas festas haberá pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos e bandas de gaitas das asociacións culturais tudenses, na medida en que as condicións meteorolóxicas e sanitarias o permitan.

Os nenos e nenas poderán amais gozar dos obradoiro infantís que van ter lugar na Biblioteca Municipal o mércores 29 e o xoves 30 de decembro, así coma o luns 3 e martes 4 de xaneiro.

Coma novidade incorporase á programación unha San Silvestre Popular que terá lugar o venres 31 ás 12 h cun circuíto urbano non competitivo.  Tamén o día 31 está prevista a vista do Apalpador no Paseo da Corredoira.

A programación pecharase coma é tradicional coa Cabalgata de Reis o mércores 5 de xaneiro, aínda que este ano debido á pandemia non poderá ter carácter internacional.

Toda esta programación desenvolverase seguindo un protocolo anticovid e axustándose as medidas restritivas que estean en vigor en cada momento.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca que esta programación “Tui, o Camiño do Nadal” está elaborada pensando en brindar á poboación tudense e cantas persoas nos visiten nestas datas unha oferta de lecer para estes días tan especiais e para gozar en familia, seguindo as medidas de seguridade derivadas da actual situación de pandemia. Convida a concelleira a achegarse a Tui xa esta fin de semana para gozar da iluminación e da decoración de rúa, así coma do Mercado de Nadal, e posteriormente dos distintos eventos previstos.