Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Música sen fronteiras para celebrar o 10 aniversario da Eurocidade Tui-Valença

11/02/2022

As orquestras do Conservatorio de Tui e da Academia da Fortaleza de Valença ofrecerán mañá sábado ás 20 h un concerto no Teatro Municipal

As orquestras dos dous centros de ensinanza musical da Eurocidade Tui-Valença,  o Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui, e a da Academia de Música da Fortaleza de Valença ofrecerán mañá sábado, 12 de febreiro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui o concerto de clausura da conmemoración do décimo aniversario da Eurocidade Tui-Valença.

Precisamente estes dous centros, o  Conservatorio de Tui e a Academia de Música de Valença, reflicten no seu alumnado esas relacións a unha e outra beira do Miño xa que contan tanto con alumnos e alumnas galegos e portugueses.

No concerto que mañá ofrecerá no Teatro tudense demostrarán coma a música non ten fronteiras e tende pontes entre as dúas cidades.

O concerto comezará da man da Orquestra da Academia de Música da Fortaleza de Valença interpretando “Quebranoces” de Igor Tchaikovsky.

A continuación actuará a orquestra da Eurocidade, integrada por alumnado e ambos centros, con “Este linho é mourisco” un tema tradicional portugués con arranxos para orquestra de Bernardo Lima, e “Alborada Galega”, composición tradicional galega para gaita e orquestra.

Seguirá a Orquestra do Conservatorio e da Escola de Música de Tui con “Suite cubalicia” de Eduardo Coma. O concerto pecharase coa interpretación do Himno de Europa de Beethoven con arranxos de Richard Meyer por parte da Orquestra da Eurocidade.

Para este evento musical débense reservar as entradas, de forma gratuíta, en www.tui.gal.