Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A música protagoniza o proxecto educativo “Benjamín de Sefarad” en 2022

21/03/2022

Promovido pola Red de Juderías ten por obxectivo dar a coñecer entre os máis novos a importante achega do legado material e inmaterial da cultura xudía en España.

A Red de Juderías de España lanza unha nova edición do seu proxecto educativo Benjamín de Sefarad, que ten como obxectivo o difundir entre os escolares a importancia e pervivencia do legado xudeu de España. Unha proposta educativa na que colabora o concello de Tui a través da concellería de Ensino e Cultura que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla.

Nesta edición, o protagonismo recaerá na música como legado inmaterial, clave para a transmisión e conservación da esencia da cultura sefardí. Así, durante o que resta de curso escolar, a Rede de Juderías fornecerá aos colexios que desexen participar na iniciativa unha colección de materiais lectivos gratuítos, como unha master-class virtual sobre música sefardí a cargo da cantante de música antiga, medieval e sefardí Mara Aranda, e o especialista en instrumentos da tradición medieval española Xota Martínez, e un libreto que recolle ligazóns e letras de cancións moi representativas da música sefardí. Os colexios interesados en participar no proxecto poden solicitar información e os materiais remitindo un correo electrónico á dirección descubridores@redjuderias.org

IV Edición Concurso de Microrrelatos

A música é tamén a protagonista da nova convocatoria do Concurso de Microrrelatos, no que poderán participar estudantes cursando 1º e 2º da ESO de calquera dos centros escolares españois. O certame foi convocado o xoves 24 de febreiro nun acto público en Lucena presidido por Juan Pérez, alcalde de Lucena e presidente da Rede de Xudarías de España, e que contou coa participación de Marta Puig, Xerente da Rede.

A temática sobre a que deberán versar os microrrelatos desta edición será a música, e o prazo de participación péchase o 10 de xuño de 2022. Cabe destacar que o certame contará cun xurado de excepción, presidido polo músico, actor e escritor Jimmy Barnatán, ao que acompañarán Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de varios dos Diarios de Viaxe da Rede de Xudarías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e Directora do Centro Internacional de Música Medieval.

Como nas anteriores edicións, os relatos gañadores recibirán como premio cheques de viaxe, e editarase un libro cos 30 relatos mellor valorados polo Xurado. Toda a información sobre o certame e as súas bases poden ser consultadas en www.redjuderias.org

Dende o Concello tudense animan aos centros educativos do noso municipio a participar nesta iniciativa que promove a valorización do legado cultural da presenza xudía na Península Ibérica, contribuíndo desde xeito ao coñecemento e respecto mutuos entre pobos, culturas e tradicións. Neste sentido, dende a concellería de ensino e cultura se lle enviou a todos os centros información sobre este proxecto, ofertando asesoramento para a súa posta en marcha.