Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Manuel Madarnás presenta este venres no Teatro Municipal o seu traballo discográfico “La MMarca”

2/03/2022

O concerto será ás 21h. As entradas están á venda en www.tui.gal 

O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 4 de marzo, ás 21 h o concerto presentación de “La MMarca” de Manuel Madarnás.  Un disco que saíu a luz o pasado mes de agosto cando se presentou amais o primeiro videoclip do tema “Abrázame”, e do que en xaneiro lanzaba o segundo sinxelo “Sway”.  Trátase, segundo Manuel Madarnás, “dun proxecto innovador, con moitas sorpresas e que trata de pór en valor a música instrumental”. Engade que “se busca que a música instrumental, neste caso coa trompeta coma solista, chegue a transmitir e emocionar ao público do mesmo xeito que o pode facer un cantante ou grupo no que o solista sexa vocal”.  Manuel Madarnás, de 25 anos, compaxina este novo proxecto coa realización do máster en trompeta no conservatorio Musikene en San Sebastián e co seu traballo na orquestra Los Players. A súa formación musical iniciouna na Escola de Música de Tui, continuando no conservatorio tudense onde cursou o grao profesional, e xa no CMUS de Vigo obtivo o grao superior en trompeta. Formou parte tamén da Banda de Música Popular de Tui.

As baladas románticas, os boleros e temas pop soarán este venres, no Teatro Municipal de Tui, interpretados por Manuel Madarnás á trompeta, acompañado por Kithos Díaz na batería, Juan Díaz  no baixo, Marcos Guzmán  nos teclados, Jorge Pimentel na percusión e Sic Salem na guitarra. Amais nun dos temas contará tamén coa participación da cantante Julia Rodrígues. 
Manuel Madarnás última os detalles do concerto no propio teatro tudense. Hoxe o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, compartían con el uns minutos en plena preparación do evento deste venres.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou que “é un orgullo para este concello que un alumno do conservatorio, membro da Banda de Música Popular de Tui, se anime a iniciar esta carreira en solitario”. Enrique Cabaleiro salientaba que “dende o concello apoiamos este tipo de iniciativas” ao tempo que lembraba que “historicamente o Conservatorio de Música formou grandes profesionais, e persoas moi emprendedoras no ámbito da cultura, e polo tanto é un orgullo”. Convidaba o rexedor tudense a achegarse este venres ao Teatro tudense para disfrutar deste concerto. 

Tamén a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convidaba a asistir ao concerto deste venres ao tempo que lembraba coma Manuel Madarnás se formou no conservatorio e nas bases da nosa cidade, da música, e neste momento está estudando fóra continuando coa súa formación”. Agora presenta este novo proxecto, no que o concello de Tui brinda a súa colaboración, afirmando a concelleira  que “vai ser un concertazo e estamos desexosos de poder escoitalo” 

As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 6€ e 4€.

Entradas