Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Manifesto do Concello de Tui en apoio ás persoas LGTBI

28/06/2022

O 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGTBI en conmemoración das revoltas que tiveron lugar en Nova Iork no ano 1969, cando un grupo formado por persoas do colectivo LGTBI se revelou contra a súa detención no bar Stonewall Inn.

En España esta data instaurouse como Día Nacional no ano 2018, nun dos primeiros Consellos de Ministros do Goberno de Pedro Sánchez, co obxectivo de recoñecer a loita das persoas LGTBI así como o labor dos colectivos.

O Concello de Tui, dentro do seu ámbito de actuación e compromiso na construción dunha sociedade libre e garantista cos dereitos humanos e constitucionais, manifesta o seu apoio ás persoas LGTBI e súmase á histórica reivindicación de respecto á identidade que cada individuo sinte e conforme á cal decide vivir. En pleno século XXI hai sectores da sociedade que seguen a negar un principio esencial: que ningún convencionalismo ou condición biolóxica pode estar por enriba da liberdade dunha persoa a ser quen é e como queira ser. Fronte e esas mentalidades das que se nutren os discursos e delitos de odio, dende o Concello de Tui facemos un chamamento á convivencia baseada na comprensión, empatía e concordia e, por suposto, a pór fin ás discriminacións, sinalizacións, desprezos ou calquera outra forma de maltrato psicolóxico ou físico. O artigo primeiro da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que proclama a liberdade e dignidade para todas as persoas polo mero feito de selo, resulta vulnerado en maior ou menor grado segundo o contexto. As veces estas violacións teñen resultados dramáticos. As leis e institucións axudan, pero é a sociedade no seu conxunto a que ten a capacidade real de conquistar e preservar os dereitos e benestar dos seus membros, e todos e todas xuntos debemos actuar para acadalo.

Con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI que rememora os altercados nos que se elevou a voz contra a opresión a estas persoas, o Concello de Tui insta a todos os veciños e veciñas a sumarse a esta declaración e facer canto estea nas súas mans por esta causa, e así:

  • Condenar calquera discriminación ou atentado tanto físico coma verbal contra as persoas LGTBI.
  • Procurar o benestar e respecto aos dereitos de calquera persoa, sexa cal sexa a súa identidade ou orientación sexual.
  • Rexeitar o discurso do odio e a intolerancia e erradicar estas condutas en calquera das súas formas ou circunstancias
  • Defender os centros educativos como espazos seguros para a diversidade sexual onde os nenos e nenas medren con todas as ferramentas posibles para coñecerse e se eduquen na diversidade e na liberdade de ser e amar como queiran.
  • Censurar os espazos autoproclamados “libres de LGTBI”, eufemismo que agacha discriminación e repudio.
  • Promover a igualdade, empoderamento e integración do colectivo LGTBI, dando visibilidade a súa situación e necesidades e contribuíndo ao seu benestar
  • Liderar o movemento para a construción dunha sociedade inclusiva, segura e con solucións para todos e todas.