Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres inaugúrase a exposición colectiva de pintura e escultura "Entre correntes"

5/06/2008

MAÑÁ VENRES INAUGURASE A EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTURA E ESCULTURA “ENTRE CORRENTES” CON SETE ARTISTAS GALEGOS

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle dende maña venres, 6 de xuño, e ata o 29 deste mes unha exposición colectiva de pintura e escultura que baixo a denominación de “Entre correntes” exhibe a última produción de sete artistas galegos. O acto de inauguración terá lugar mañá venres ás 20,30 horas da tarde.

Participan nesta mostra os seguintes creadores:

Agustín Bastón
Francisco Remiseiro
Lito Portela
Manuel Pizcuela
Moïse Dikoff
Nando Alvarez
Xabier Ríos

Esta exposición xorde do desexo dos artistas en intercambiar estilos e tendencias, todas no ámbito da arte contemporánea, e que teñen atopado a súa canle na asociación “A carón do mar” de Cangas. Este colectivo está aberto á incorporación de novos creadores para enriquecerse mutuamente con estas exposicións conxuntas.

Este grupo de pintores e escultores inician en Tui esta andaina que denominan “Entre correntes” coa que pretenden logo percorrer a xeografía de Galicia e o Norte de Portugal.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, resulta gratificante que este colectivo teña escollido a cidade de Tui e esta Sala Municipal de Exposición para botar a andar este proxecto conxunto pois avala o traballo que dende a concellería se desenvolve a prol da dinamización deste espazo expositivo municipal. É pretensión da Concellería apoiar estas iniciativas que promoven a artistas locais, como é neste caso un dos integrantes do colectivo, Moise Dikoff, que dende as terras do centro de Europa leva xa moitos anos instalado na nosa cidade e co seu traballo artístico enriquece a vida cultural tudense.