Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres inauguración exposición "Evocaciones" de maría del Carmen Arenas

8/11/2007

MAÑÁ INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN DE GRAVADOS E PINTURAS DE MARIA DEL CARMEN ARENAS  TITULADA “EVOCACIONES” 

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acollerá mañá venres 9 de novembro ás 20,30 horas a inauguración da exposición titulada “Evocaciones” que recolle unha escolma da producción de pintura e gravados da artista María del Carmen Arenas. Esta nova exposición forma parte da programación cultural desta Sala Municipal que ofrece aos tudenses a posibilidade de achegarse a diversos estilos artísticos.

María del Carmen Arena Villarroel, ainda que nacida en Bilbao, reside en Vigo dende a sua mocidade. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela é na actualidade profesora de historia no Instituto de Santo Tomé de Freixeiro na cidade olívica.

A sua obra xa ten ocupado diversas espazos expsitivos, entre eles a Casa Galega da Cultura do Concello de Vigo (2005) ou a Casa das Artes de Vigo (2006). En xaneiro deste ano 2007 foi finalista no II Certamé de Artes Plásticas e Pintura “Arte Xove Galega”.Vencellada familiarmente a nosa cidade nesta exposición en Tui ofrece unha escolma da súa producción artística con diversas técnicas: óleos (tanto sobre lenzo, madeira e papel) como gravados montipo sobre prancha de madeira.

“O monotipo, sinala a propia artista, é un gravado único, realizado ao pintar sobre madeira e trasladar o pintado ao papel mediante un tórculo. É unha "pintura en negativo", o resultado de unir a experiencia de moitos anos de traballo en óleo e acrílico, empregando a técnica de impresións e o rolo. Chego así ao monotipo, despois dun proceso "misterioso" de creación no que dialogan entre si técnica, destreza, intuición e sorpresa; e sempre coa presenza da luz como protagonista do cadro; luz que lle dá vida e significado á pintura, a través dunha conxunción de cores serenas, cálidas, ardentes ás veces, luminosas e brillantes.
Esta luz é guía "no descoñecido, no desexado, no vital".

Para o Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición completa o amplo abano de actividades que ao longo deste ano ten presentado esta Sala Municipal de Exposicións abranguendo diversos estilos e técnicas artísticas. O concelleiro tudense amosa a súa satisfacción por contar coa presenza de María del Carmen Arenas pois está seguro que a súa obra suscitará o interese dos tudenses e cantos se acheguen a visitar esta mostra artística.