Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá venres finalizan as Xornadas Francisco Sánchez coa intervención de Luis H. de Larramendi e Xavier Agenjo

23/11/2006

MAÑÁ VENRES FINALIZAN AS “XORNADAS FRANCISCO SÁNCHEZ” COA INTERVENCIÓN DE LUIS H. DE LARRAMENDI E XAVIER AGENJO BULLÓN

Mañá venres 24 de novembro rematan as “Xornadas Francisco Sánchez” co último dos relatorios programados que correrá a cargo de Luis Hernando de Larramendi e Xavier Ajenjo Bullón, Vicepresidente e Director de Proxectos respectivamente, da Fundación cultural “Ignacio de Larramendi”. A súa conferencia titúlase “El Escéptico frente a Montaige y Descartes. Justificación de su reivindicación por medio de su edición digital. Consideraciones institucionales”.

Luis Hernando de Larramedi, vencellado por lazos familiares ás terras de Tui, é abogado especializado en marcas e patentes e socio dun prestixioso bufete madrileño adicado exclusivamente ao rexistro e defensa de marcas e patentes, dereitos de propiedade industrial e de autor, publicidade e nomes de dominio. É amáis Vice-presidente executivo da Fundación benéfico-cultural Ignacio de Larramendi, membro do Padroado e Comisión directiva da Fundación Mapfre, exvicepresidente da Fundación Histórica Tavera e vocal do Consello de Administración de Mapfre Mutualidad e da súa Comisión Executiva Internacional.

Xavier Agenjo Bullón, licencido en Filosofia y Letras pola Universidade Complutense, ten realizado a súa carreira profesional no mundo das Bibliotecas, sendo na actualidade unha das persoalidades de máis prestixio neste ámbito. Profesionalmente ten desempeñado diversos cargos de alta responsabilidade na Biblioteca Nacional, onde desenvolveu un intenso labor de automatización e de modernización do sistema bibliotecario español, sobre todo en relación coa implantación das novas tecnoloxías da información e da comunicación nos traballos bibliotecarios. Experto e asesor en numerosos organismos españoles e europeos, ocupou entre 1996 e 2002 a dirección da Biblioteca Menéndez Pelayo. Na actualidade é Director de Proxectos da Fundación Ignacio Larramendi, onde está realizando unha grande cantidade de proxectos novidosos coa creación dunha serie de bibliotecas virtuais sobre autores españoles, portugueses e latinoamericanos de todos os tempos. Conta con numerosísimas publicacións de bibliografía, biblioteconomía e informática documental en obras tanto españolas como internacionais.

No seu relatorio Luis Hernando de Larramendi e Xavier Agenjo Bullón analizaran a importancia da obra do filósofo tudense e a necesidade da edición dixital da obra sancheciana como un elemento imprescindible para favorecer o coñecemento da importancia do seu pensamento na historia da filosofía europea.
Con este relatorio rematarán as conferencias realizadas na nosa cidade en torno á vida e a obra do médico e filósofo nado en Tui, Francisco Sánchez, que a pesar da transcendencia do seu pensamento no Renacemento europeo era unha figura practicamente esquecida entre os tudenses. As diversas conferencias realizadas ao abeiro deste ciclo posibilitaron un achegamento á vida e a a traxectoria intelectual do “Escéptico” e a difusión entre os nosos veciños da súa relevancia como un dos fillos máis senlleiros que ten dado Tui ao longo dos séculos.

Para o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración destas “Xornadas Francisco Sánchez” ten resultado altamente satisfactoria tanto pola calidade dos diversos poñentes que teñen participado, como pola asistencia de numeroso público aos diversos relatorios como pola repercusión social acadada por estas Xornadas que teñen divulgado o nome deste esgrevio tudense do século XVI.

As “Xornadas Francisco Sánchez” está organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Tui e contan co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.