Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá sábado última proxección do ciclo de cine alemán de entreguerras coa película “Emilio e os Detectives”

12/11/2010

MAÑÁ SÁBADO ÚLTIMA PROXECCIÓN DO CICLO DE CINE ALEMÁN DE ENTREGUERRAS COA PELÍCULA “EMILIO E OS DETECTIVES”

Venres, 12 de novembro de 2010. Mañá sábado 13 de novembro ás 19,30 horas rematan as proxeccións do ciclo de cine alemán  co filme “Emilio e os detectives”. Estas actividades chegan a nosa cidade grazas á presenza da exposición “Fotografías da UFA,” que se realiza grazas á colaboración establecida entre a Concellería de Cultura tudense e a Fundación Vicente Risco e co patrocinio do Goethe Institut – Instituto Alemán de Cultura

“Emilio e os detectives” (Alemaña – 1931)
Duración: 75 minutos
Director: Gerhard Lamprecht
Guión: Erich Kästner, Emeric Pressburger, Billy Wilder.
Fotografía: Hannes Hubach.
Reparto: Rolf Wenkhaus, Käthe, Emil Tischbein, Fritz Rasp.
Xénero: infantil

Sinopse: Aventuras e peripecias de Emilio, un espelido neno alemán de 12 anos, que durante unha visita a Berlín é roubado por un ladrón.

É un divertimento amable, adornado con intriga, acción, aventuras sen fío e moito sentido do humor. No seu día, foi un grande éxito de público, aínda que algúns grupos de fanáticos queimaron os libros en que se baseaba, porque eran “contrarios ao espírito alemán”. Erich Kästner seguiu escribindo poesía satírica, teatro e libros infantís co pseudónimo de Berthold Bürger. Este tamén foi un dos primeiros guións de Billy Wilder.

A película proxectarase en versión orixinal con subtítulos en galego no Telecentro de Tui a partir das 19,30 horas.

Exposición “Fotografias da UFA”
A exposición amosa o traballo desenvolvido polos artistas, técnicos e creadores alemáns nos míticos estudios de cine de Berlín. Aunando creatividade con innovacións tecnolóxicas do cine da época os artistas da UFA produciron unha serie de títulos clásicos que marcaron o rumbo da historia do cine en Europa e en Estados Unidos. A exhibición amosa unha escolma de fotografías das rodaxes de películas como “Metropolis”, “El angel azul”, “Los nibelungos” e outras así como os bocexos dos grandes director de arte daquela época.

A UFA é unha gran compañía cinematográfica alemán fundada no ano 1917 con forte apoio gobernamental, tras a derrota de 1918 a compañía privatízase comezando unha aposta polas grandes producións. A UFA salienta polo protagonismo que tivo no cine expresionista xermano de “entreguerras”, unha auténtica idade dourada, que tivo como principais expoñentes a Fritz Lang, F.W. Munau e G. W. Pabst.

A mostra recolle 48 fotografías que amais da súa alta calidade, ofrecen unha interesante visión da sétima arte na Alemaña de entreguerras.

A mostra e as películas son unha iniciativa da Fundación Vicente Risco en colaboración co Instituto Goethe, Xunta de Galicia, Centro Galego de Arte Contemporánea, Festival de Cine de Ourense e Cineclube Padre Feijoo xunto coa Concellería de Cultura do Concello de Tui.