Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá preséntase o libro “Estado de Conservación de los Anfibios e Reptiles Continentales de Galicia" do tudense Fernando Martínez Freiría

1/10/2026

Será ás 19 h no Espazo Sociocultural abrindo a programación de “Outubro, mes da biblioteca”

Mañá venres, 2 de outubro, ás 19 h, o Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acolle a presentación do libro  "Estado de Conservación de los anfibios y reptiles continentales de Galicia". O tudense Fernando Martínez Freiría, profesor de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é editor e autor, xunto con outros seis herpetólogos galegos.

Este libro é unha obra de referencia exhaustiva sobre a conservación de anfibios e réptiles en Galicia. O libro analiza o estado de conservación e as principais ameazas que afectan ás 40 especies de herpetos presentes en Galicia, avaliando a súa situación segundo os criterios do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Lectura imprescindible para naturalistas, estudantes e afeccionados á biodiversidade interesados en coñecer e protexer este valioso patrimonio natural.

Segundo Martínez-Freiría, a obra é unha ferramenta para a conservación dos anfibios e réptiles galegos, estando tamén dirixida a todas aquelas persoas interesadas nestas especies, xa que aínda que non é o mellor para identificalas —non é unha guía de campo—, si que ofrece información detallada sobre a súa distribución, ecoloxía, evolución e conservación.

Fernando Martínez Freiría é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (2002), realizou a súa tese doutoral sobre os mecanismos que permiten a coexistencia de réptiles parapátricos (víboras) nunha zona de contacto no norte da Península Ibérica (Universidade de Salamanca, 2009). Durante a súa estadía posdoutoral no CIBIO da Universidade do Porto (2010-2025), ampliou os seus intereses de investigación en ecoloxía evolutiva e conservación de vertebrados en Europa e África. En 2025, incorporouse á Universidade de Santiago de Compostela como profesor adxunto de Zooloxía e, en 2026, uniuse ao CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela). É membro do Grupo de Investigación en Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa (BiBiCI) e xefe do Laboratorio de Bioloxía Evolutiva de Réptiles. Tamén é membro activo de varias asociacións conservacionistas (Grupo de Especialistas en Víboras da UICN, Asociación Herpetolóxica Española -AHE-, Grupo de Estudo de Animais Salvaxes -GEAS-), nas que colabora en aspectos de seguimento de poboacións, conservación e difusión do coñecemento da biodiversidade. É un biólogo evolutivo interesado na comprensión integral da diversidade fenotípica e xenética e a súa aplicación á conservación.