Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá o concello Tui réndelle unha homenaxe a Darío Álvarez Blázquez no centenario do seu nacemento

25/10/2010

MAÑÁ O CONCELLO TUI RÉNDELLE UNHA HOMENAXE A DARÍO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

25 de outubro de 2010. Na tarde de mañá, martes 26 de outubro, as vellas rúas da cidade de Tui acollerán un acto, organizado polo Concello de Tui, en lembranza ao insigne médico tudense, D. Darío Álvarez Blázquez, co gallo de terse cumprido o pasado 30 de setembro o centenario do seu nacemento. D. Darío foi unha persoa moi apreciada na cidade e aínda que, dende 1942, residía na cidade de Vigo nunca cesou nos seus vencellos con Tui e as súas xentes.

O programa desta xornada abrangue o seguinte:

  • 19,00 h.: descubrimento dunha placa conmemorativa na que foi a súa residencia na rúa San Telmo, 5, acto no que intervirá o seu fillo Darío Álvarez Gándara e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.
  • 19,45 h.: celebración dunha mesa redonda arredor da figura de D. Darío Álvarez Blázquez que contará coa participación de D. Alfonso Álvarez Gándara, fillo do homenaxeado e avogado, D. Xosé María Álvarez Cáccamo, sobriño e escritor, D. Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui e D. Alberto Estévez Piña, no antigo convento de San Domingos de Tui.

Dario Álvarez Blázquez (1910-1979), primeiro dos fillos de Darío Álvarez Limeses, médico afincado en Tui dende 1905 e María Blázquez Ballester. Tras estudar en Tui os primeiros anos, fixo o bacherelato por libre examinándose en Pontevedra e cursa a carreira de medicina en Santiago, acadando a licenciatura no ano 1932, logrando posteriormente, no Hospital de San Carlos de Madrid, as especialidades de pulmón e corazón.

Tras establecerse como médico en Tui, accede a unha praza coma tisiólogo por oposición no Patronato Nacional Antituberculoso; dende 1933 a 1936, ocupa a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural de A Guarda. Médico con consulta propia en Tui entre 1932-42, asistía á dotación da lacha cañonera “Cabo Fradera” e tamén a varias comunidades de pobres e colectivos como ás Madres Doroteas, ás Hermanitas do Asilo  de Ancianos Desamparados, ás “Encerradas”, etc.  Tamén ao pouco de licenciarse foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Segunda Enseñanza tudense.

Promotor en Tui do Partido Galeguista a guerra civil supuxo unha traxedia para a súa familia, co fusilamento do seu pai e a presión social conseguinte, que obrigounos a establecer en Vigo no 1942, asumindo Darío a responsabilidade familiar naqueles difíciles anos da posguerra. Na cidade olívica Darío Álvarez Blázquez desenvolveu a súa actividade como médico en diversos ámbitos laborais ata o seu falecemento en 1979.
Escritor tanto de novelas como nos xornais, onde mantivo longas colaboracións no “Jornal de noticias” como en “La Voz de Galicia”, humanista no amplo sentido da palabra. Cabería salientar os traballos dedicado á reivindicación do berce tudense do médico e filósofo Francisco Sánchez, sobre quen centrou a súa tese de doutoramento.

Casado coa tudense Carmen Gándara, Darío Álvarez Blázquez, nesta cidade naceron os seus fillos, Darío e Alfonso, gozou de sempre cunha grande estima entre os veciños de Tui que apreciaron a súa xenerosa personalidade e a súa afabilidade con cantos se achegaban ata a súa consulta, ata o punto de ser chamado “o médico dos pobres”.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración desta merecida homenaxe a D. Darío Álvarez Blázquez enmarcase dentro da vontade do Concello tudense de recuperar a memoria de egrexias personalidades que naceron e/ou viviron na nosa cidade e que coas súas achegas teñen contribuído a conformación da nosa identidade colectiva.