Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá mércores preséntase o novo número da revista Castellum Tyde do Instituto de Estudos Tudenses

28/12/2021

Será ás 19.30  h no salón de sesións da casa do concello coa presenza do alcalde e cunha achega á investigación nas Covas da Trapa en Ribadelouro

Mañá mércores, 29 de decembro, o Salón de Plenos da casa do concello de Tui acollerá ás 19.30 h a presentación do novo número da revista “Castellum Tyde” que edita o Instituto de Estudios Tudenses e que patrocina o Concello de Tui. Trátase da sétima entrega desta publicación periódica dedicada á investigación sobre a cidade de Tui e o seu territorio histórico.

O acto contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, acompañado do presidente do Instituto de Estudos Tudenses, Xavier Añoveros y Trias de Bés. No decurso deste acto intervirá Xabier Gobra González do grupo Espeleolóxico “Maúxo, un dos autores que publican nesta nova entrega de “Castellum Tyde”, que fará un breve achegamento ao seu traballo “Patrimonio natural e cultural das Covas da Trapa, Ribadelouro – Tui”.

Con este tomo a revista de estudios acada o seu sétimo número, motivo de gran satisfacción para o presidente do Instituto pois testemuña unha continuidade no traballo que ven desenvolvendo esta entidade que agrupa a preto dunha trintena de estudosos e investigadores. Ao tempo agradece a sensibilidade do Concello de Tui e do seu alcalde, Enrique Cabaleiro, por manter o patrocinio desta publicación que enriquece o coñecemento da nosa cidade, da súa historia e o seu patrimonio.

Para asistir é preciso inscrición previa no correo electrónico: institutoestudiostudenses@gmail.com sendo a asistencia libre ata completar o aforo.