Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá martes 1 de xullo inauguración da exposición de pintura do "Grupo Impás"

30/06/2008

MAÑÁ MARTES INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTURA DO “GRUPO IMPÁS”

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui continua levando adiante unha programación de actividades que tenta ofrecer aos veciños de Tui e a súa bisbarra unha panorámica da actividade creativa na nosa comarca.

Logo da exposición colectiva do tudense Moise Dikoff xunto co grupo “A carón do mar”, dende mañá martes 1 de xullo poderemos contemplar na sala municipal tudense a exposición do “Grupo Impás” que reúne a obra de 18 persoas da comarca do Baixo Miño. A inauguración terá lugar ás 20,30 horas do serán. A exposición estará aberta ata o día 15 de xullo.

Este “Grupo Impás” leva xa unha longa traxectoria comezada no ano 1991 cunha exposición na vila de A Guarda e levan organizadas ao longo deste anos diversas mostras nos concellos de Tui, O Rosal, Baiona, Tomiño, etc. Logo de cinco anos sen expoñer na nosa cidade agora amosan nesta Sala Municipal de Exposicións unha escolma da súa obra máis recente.

Este “Grupo Impás” está dirixido pola artista guardesa Alicia Alonso que ensina a este grupo de persoas da comarca nas técnicas artísticas.

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui nesta con esta nova mostra a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui continúa pulando pola promoción dos artistas e creadores do noso municipio e a súa comarca, tal como quedou patente na colectiva de artistas tudenses, cuxa segunda edición celebrouse o pasado mes de marzo, o una exposición “Entre correntes” clausurada este sábado.

Moisés Rodríguez Pérez informa tamén que a finais do mes de xullo esta Sala Municipal de Exposicións acollerá unha das principais cita artísticas deste ano, unha exposición antolóxica do escultor Cristino Mallo, nado en Tui no ano 1905, e que chega á nosa cidade co patrocinio de Caixanova.

Deste xeito concretízase a pretensión da Concellería de Cultura de ofrecer neste espazo expositivo non so a obra de artistas locais senón de promover a exhibición de importantes exposicións que dinamicen a vida cultural da nosa localidade.