Mañá inaugúrase a nova iluminación da Catedral de Tui
Mañá sábado, 27 de xuño, terá lugar a inauguración da nova iluminación da Catedral de Tui. O acto simbólico de acendido realizarase ás 23 h na praza de San Fernando.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o bispo da diocese, Antonio Valín; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a presidenta do Xeodestino e alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a representante institucional e alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; e o redactor do proxecto e presidente do COAG en Vigo; Manuel M. Carazo, intervirán neste acto. Tras o acendido soarán as campás da Catedral.
O proxecto, cofinanciado con cargo do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia” do Xeodestino Galiciasuroeste, e por fondos propios do Concello, dota ao conxunto catedralicio dun sistema lumínico de última xeración, baseado en tecnoloxía LED de baixo consumo e con criterios de eficiencia, conservación patrimonial e redución do impacto ambiental.
O cambio de iluminación exterior da Catedral coincide coa celebración do 800 aniversario da consagración do templo.
Mañá sábado dende ás 22.30 h haberá ambientación musical na praza a cargo de Miguel Veiga, que continuará cunha sesión dj tras o acendido.





