Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá conferencia de celestino lores sobre “o camiño xacobeo portugués” Ao abeiro do programa “Tui Porto Xacobeo” da Consellería do Mar

22/11/2010

MAÑÁ CONFERENCIA DE CELESTINO LORES SOBRE “O CAMIÑO XACOBEO PORTUGUÉS”
Ao abeiro do programa “Tui Porto Xacobeo” da Consellería do Mar
Luns, 22 de novembro de 2010. A Consellería do Mar xunto con Portos de Galicia está desenvolvendo na nosa cidade un programa de actividades que baixo o nome de “Tui, porto xacobeo” pretende resaltar a importancia de Tui no Camiño de Santiago. Desta volta ao través do programa de actividades  realizadas coa colaboración da Concellería de Cultura e da Catedral de Tui.
Así martes, día 23, ás oito da tarde haberá unha conferencia a cargo do presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores, no edificio Área Panorámica no que desenvolvera o tema do camiño portugués a Compostela. Celestino Lores é un dos principais estudosos e divulgadores desta roteiro xacobeo.
Por outra  banda nesta semana pódese visitar no Anexo da Sala de Exposicións Municipal unha mostra sobre os camiños marítimos de peregrinación con especial referencia ao camiño portugués e a cidade de Tui como punto de confluencia dos diversos camiños que percorrían Portugal onde o porto tudense era o punto de acceso dos peregrinos a Galicia.
Con este programa dende a Consellería do Mar preténdese fundamentalmente dar a coñecer o  porto de Tui e a súa relación histórica co Camiño de Santiago, programando unha serie de actos nos que se pode participar ou aos que se pode asistir como espectador. Ao mesmo tempo poténcianse as instalacións portuarias dándolle un uso que integra a actividade económica, o uso social e  cultural dos portos de xeito harmónico.
Portos de Galicia leva a cabo este programa nas instalacións portuarias distinguidas como portos Xacobeos. Trátase de portos que pola súa situación dentro dos diversos Camiños de Santiago están relacionados por ser punto de referencia para os peregrinos. Cada porto, tamén o tudense, é identificado cun monolito e con cartelería específica co lema dos portos xacobeos: “Hai camiño polo mar”. Ademais, toda a información, programación e actos figurarán na páxina web www.portosxacobeos.com.
Esta aportación da Consellería do Mar ao fenómeno Xacobeo supón unha gran oportunidade para dar a coñecer por primeira vez a vinculación dos portos cos diferentes Camiños, nunha aposta por favorecer o coñecemento das nosas instalacións portuarias. Tamén se aproveita a oportunidade que nos ofrece este ano Santo para achegar a realidade sociocultural dos municipios galegos tanto aos seus habitantes coma aos seus visitantes.
Dende a Concellería de Cultura de Tui, o seu responsable, Moisés Rodríguez, agradece a Consellería do Mar o desenvolvemento destas actividades no municipio. Isto, sinala, evidencia unha vez a importancia de Tui coma porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués ao través dos séculos e na actualidade. Neste ano Xacobeo o Concello de Tui ten desenvolvido distintas iniciativas desenvolvidas co Camiño Portugués coma a edición de material informativo ou a apertura do centro de interpretación do camiño portugués e dun albergue temporal en Santo Domingo.