Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 330 deportistas competirán no XII Encontro Ibérico de Kung Fu Eurocidade

23/06/2026
Celebrarase este domingo no pavillón municipal Gustavo Rodríguez en Tui

O pavillón deportivo municipal Gustavo Rodríguez acollerá este domingo, 28 de xuño, dende ás 10.30 h o XII Encontro Ibérico de Kung Fu Eurocidade. O Club Ximnasia e Auga de Tui organiza esta competición en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. Este mediodía presentou este evento deportivo no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou o compromiso do Concello de Tui co kung fu e con este evento deportivo. Amosou a súa gratitude e orgullo por albergar este campionato no municipio dentro do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença. O rexedor incidiu no especial desta edición, ao coincidir co 40 aniversario do club organizador.

Na presentación participou o vereador de Desporto da Câmara Municipal de Valença, Óscar Silva, quen destacou que o deporte é un dos valores esenciais da unión de Tui e Valença nunha Eurocidade, e fixo fincapé na calidade do calendario deportivo anual. 

Pola súa banda o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, remarcou que esta é unha proba consolidada tras doceanos organizándose en Tui. Salientou que este domingo congregarasnse en Tui arredor de 350 deportistas, das categorías alevín, infantil, junior, senior e veteranos.

Mentres o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, avanzou que nesta modalidade acudirán este domingo a Tui os deportistas máis importantes de Galicia e de Portugal, realizando oito probas distintas. Blanco sinalou que é unha competición rápida, dinámica e entretida que fará o desfrute do público. 

Segundo confirmaba o director do comité organizador, Eduardo Jorge Méndez, este é un campionato de referencia na península. Fixo referencia ao 40 aniversario do Club Di Som Tui. Catro décadas nas que levan organizados máis de 30 campionatos: 6 provinciais, 7 de Galicia absolutos, 10 Campionatos Ibéricos, 5 de España e 11 internacionais. O club leva formados neste tempo a máis de 9.000 deportistas na modalidade de kung fu.

O XII Encontro Ibérico de Kung Fu Eurocidade celebrarase este domingo, 28 de xuño, dende as 10.30 h no pavillón Gustavo Rodríguez. A entrada será gratuíta.