Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 250 deportistas de Galicia e Portugal participarán o sábado na XLI Regata Miño Internacional

16/03/2022

Constará de 6 quilómetros entre Currás e Tui. Participación embarcacións 8 e 4

 Máis de 250 deportistas participarán este sábado na XLI Regata Miño Internacional Memorial José Luís Méndez que se celebrará en augas do río Miño entre Currás, Tomiño, e Tui.

Esta proba deportiva foi presentada esta mañá na casa do concello polo alcalde de Tui en funcións e concelleiro de Deportes, Rafael Estévez o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, o vicepresidente do club, Luís Moroño, a secretaria Auri Gil, e polo o Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo. Tamén estivo presente o concelleiro de Servizos Sociais e Medio Ambiente, Ismael Diz.

A inscrición para participar na regata pecha hoxe, pero está xa confirmada a presenza de 250 deportistas de Galicia e Portugal que competirán en embarcación de 8 e 4.  A proba será este ano Memorial José Luís Méndez. O embarque está previsto ás 11 h en Tui, na rúa Olímpicos Tudenses, dende onde deportistas irán remando até o punto de saída en Currás. A saída comezará ás 11.50 h por tandas por categorías. O tempo estimado en completar os seis quilómetros da regata será algo máis de vinte minutos.

O alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, quen salientou o espectacular desta regata que este ano será “moi especial por levar o nome de José Luís Méndez”, avanzando que dende o Concello se está traballando para darlle ao Centro Municipal de Remo o nome José Luís Méndez, figura imprescindible no remo tudense.  Amosou amais o compromiso do concello co deporte e con continuar coa mellora das instalacións deportivas, na liña iniciada nos últimos anos.   Animaba ao público a acudir o sábado ao Miño para presenciar esta regata. O concelleiro amosou neste acto as súas condolencias á familia e amigos de Lino Blanco, xornalista deportivo falecido nas últimas horas.  

O presidente do Club Remo do Miño, organizador da regata, Manuel Ángel González, explicaba coma non foi fácil volver a arrancar tras dous anos de parón debido á pandemia. Amosou a súa satisfacción pola participación rexistrada, pese ao cambio de data, xa que a regata habitualmente se celebra en xaneiro.  Amosou tamén o seu agradecemento tanto ao Concello de Tui, á Comandancia Naval do Miño e a Protección Civil así coma aos patrocinadores que fan posible este evento.  A secretaria do club, Auri Gil, salientaba o “duro traballo” que hai detrás dunha regata, xa que máis aló do deportivo. Invitou á cidadanía a acudir o sábado ao río e gozar do “ballet na auga”, facendo súas as palabras que José Luís Méndez empregaba para referirse ao remo, xa que afirmaba que a regata “é impresionante vela na auga”.

O comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, salientaba coma “a Armada está concienciada en axuda e co deporte” amosando o seu apoio á organización para controlar as embarcación no río, e “desexando que as probas deportivas volvan ao Miño cada fin de semana”.