Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 2000 visitantes á exposición colectiva de artistas tudenses ques egue aberta ata o 25 de abril

18/04/2007

MÁIS DE DOUS MIL VISITANTES TEÑEN CONTEMPLADO ATA AGORA A EXPOSICIÓN COLECTIVA DE ARTISTAS TUDENSESSegue aberta ata o vindeiro mércores 25 de abril Dende a súa inauguración o pasado día 7 de abril a exposición “Artuistas – exposición colectiva de artistas tudenses” ten sido visitada por máis de dous milleiros de persoas que contemplaron as obras de trinta pintores e escultores tudenses, por nacemento ou residencia. Esta mostra está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui e tenta amosar a capacidade creativa das xentes de Tui que na actualidade traballan nos diversos eidos da expresión artística. Na exposición pódense contemplar obras de artistas de acreditada traxectoria como Xose Luis de Dios, Xulio García Rivas, Juan Valcarcel ou Silverio Rivas, xunto a novos valores que comezan os seus estudios de belas artes ou afeccionados cun percorrido artístico de certa relevancia. Como sinala o díptico editado co gallo desta exposición: “A cidade de Tui singulárizase polo seu conxunto patrimonial integrado por un amplo número de bens, tanto inmobles como mobles, que amosan a capacidade creativa dos artistas tudenses ao longo do séculos. Este rico legado, expresión das diversas etapas artísticas, conforma hoxe unha expresión requintada da nosa identidade colectiva. Herdeiros daqueles artistas ou atraídos polo engado da nosa cidade nesta exposición colectiva amosamos a obra dun feixe de artistas tudenses, por nacemento ou por residencia, que continúan esta tradición secular da arte na nosa cidade. A contemplación destas obras permite achegarnos, coñecer, valorar e apreciar a produción que este fato de artistas tudenses realizan... de seguro que hai ausencias, desequilibrios, incertezas... pero agardamos que esta colectiva sirva para valorizar o traballo dos nosos artistas e para incrementar a sensibilidade pola arte dos nosos veciños e visitantes. A todos os artistas participantes nesta colectiva o noso agradecemento pola súa colaboración”. Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, este elevado número de visitantes que teñen visitado nestes días esta exposición colectiva amosa o acerto da súa organización, pois suscita o interese dos tudenses por coñecer a produción artística dos nosos pintores e escultores. Ao tempo o concelleiro agradece aos artistas participantes, así como a Galería Trisquel e Medulio, a súa colaboración para levara adiante esta exposición colectiva. “Artuistas – exposición colectiva de artistas tudenses” estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións, no edificio “Área Panorámica” ata o vindeiro mércores 25 de abril.