Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“A lingua das bolboretas” chega este venres ao Teatro Municipal de Tui con Sarabela Teatro

15/03/2022

Recibiron catro Premios María Casares, entre eles o do Mellor Espectáculo

Sarabela Teatro presenta este venres, 18 de marzo, ás 21 h no Teatro Municipal, “A Lingua das Bolboretas”, unha montaxe pola que recibiron catro Premios María Casares 2021 ao Mellor Espectáculo, dirección (Gonçalo Guerreiro), actor secundario (Fran Lareu) e adaptación-tradución (Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro).

Gonçalo Guerreiro é o responsable da dirección e dramaturxia desta montaxe teatral. Sobre o escenario estará un elenco de seis actores: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Josito Porto, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

Esta é a cuarta ocasión na que a veterana compañía galega leva a escena unha obra de Manuel Rivas.  Con anterioridade representou “O Lapis do Carpinteiro”, “O Heroe” e “Os libros arden mal”. Nesta ocasión mestura “A lingua das bolboretas” con “A traxectoria do balón”.

O mestre don Gregorio e o neno Pardal protagonizan unha historia que nos achega á fascinación infantil ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento) é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 10€ e 8€.

Entradas "A Lingua das Bolboretas"