Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Lagarta, Lagarta chega mañá, venres, ao Teatro Municipal de Tui co seu novo espectáculo “As últimas lúas”.

8/03/2007

Lagarta, Lagarta chega mañá, venres, a Tui co seu novo espectáculo “As últimas lúas”. A representación dará comezo ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui. Este evento forma parte da programación cultural do primeiro semestre do ano que organiza a Concellería de Cultura de Tui.

Baixo a dirección de Xulio Lago, Ernesto Chao, Rosa Álvarez e Artur Trillo súbense ao escenario para dar vida a “As últimas lúas” unha obra escrita por Furio Bordón para a despedida da escena italiana de Marcelo Mastroiani. O texto foi representado nos máis importantes teatros de Europa e América, e agora chega a Tui na súa versión galega logo de ser estreada o pasado 23 de febreiro.

“As últimas lúas” narra a historia dun vello profesor de literatura xubilado que decide abandonar a casa en que vive co fillo e os netos para trasladarse a unha residencia da terceira idade. O ancián espera que tenten disuadilo, pero a súa sorpresa é que acollen a súa decisión con grande alegría.
A obra atrévese a intentar, cunha intensa carga de delicado humor e de inmensa tenrura, unha mirada seria e serena sobre aqueles pasos tan fundamentais no noso transitar pola vida, deixando caer sobre o espectador algúns interrogantes: qué lugar ocupan "os vellos" na sociedade contemporánea? Qué espazo lles permitimos ocupar? Que poden facer "os vellos" consigo mesmos nunha paisaxe humana e social onde, con frecuencia abafante, se fai que se sintan un obstáculo que impide a felicidade dos outros?

As entradas poranse á venda mañá ás 16.30h ao prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto, e 2,5€ para os menores de 12 anos.