Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

KmZero, Manuel Madarnás, Acevedos Delgados e Pachecho Bros actúan en ‘Sons na rúa’

8/08/2023

Os concertos serán este venres e o luns 14 dende ás 21 h na Corredoira

A música en directo será a protagonista deste venres e do próximo luns en Tui coa celebración do programa ‘Sons da rúa’. Esta actividade estaba prevista para o mes de xullo pero tivo que ser aprazada daquela debido á previsión de choiva.

Este venres a cita musical comeza ás 21 h no Paseo da Corredoira co grupo KMZero. É un grupo tudense creado en Rebordáns e conformado por Karla Lima (voz) e Fran Gómez (guitarra). Ambos realizan versións de temas actuais pero tamén máis clásicos e recoñecidos, recorrendo ao pop.  Ás 22 h no mesmo lugar actuará o trompetista tudense Manuel Madarnás presentando o seu proxecto musical “La MMarca”, que está enfocado na música pop. Nesta ocasión estará acompañado polo guitarrista Sic Salem e do baterista Jorge Pimentel.

O luns 14, de novo na Corredoira, ás 21 h Acevedos Delgados, de Goián, abrirá a proposta musical do día. O grupo está formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado. Realizan versións de cancións populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. Mentres ás 22 h Pacheco Bros, dúo formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, ofrecerá un espectáculo en acústico combinando guitarras e voces. Percorrerán a historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.