Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A irmandade entre Tui e Versmold cumpre unha década

13/04/2023

Unha delegación do municipio alemán visita Tui coincidindo coas festas de San Telmo

A irmandade entre o municipio de Tui e o alemán de Versmold cumpre dez anos. Con motivo do décimo aniversario da sinatura do acordo de irmandade entre ambas localidade, asinado en abril de 2013, unha delegación Versmold visitará oficialmente Tui  dende mañá 16 de abril e até o xoves 20, coincidindo amais coa celebración das festas patronais de San Telmo.

A delegación estará encabezada polo burgomestre da localidade, Michael Meyer-Hermann, que estará acompañado por cinco representantes do grupos políticos daquel concello así como pola funcionaria encargada das irmandades. Versmold é una cidade do distrito de Gütersloh, no estado federado de Renania do Norte-Westfalia (Alemania), cunha poboación superior ás 21.500 persoas. A industria cárnica ten unha longa tradición nesta localidade, na que existe unha ampla comunidade de veciños de Tui, especialmente da parroquia de Paramos, que son os impulsores deste acordo de irmandade.

Ao longo destes anos tanto por iniciativa do Concello como da Asociación Versmold-Tui se teñen realizado múltiples actividades de intercambio entre ambas localidades tanto no ámbito deportivo, cultural, etc. que ten consolidado este acordo.

Con motivo da súa visita a delegación de Versmold entregará á veciñanza de Tui un banco da amizade Versmold-Tui, no que figurarán os escudos de ambas localidades, como símbolo da relación entre as dúas cidades. Será instalado na rúa Ourense.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este “acordo contribúe a impulsar dende as administracións locais o proceso de integración europeo, pois é un acordo baseado na participación activa dos nosos cidadáns. Ao longo destes dez anos os froitos recollidos neste proceso son evidentes: actividades deportivas e culturais promovidas, os encontros periódicos en ambas localidades, pero salienta especialmente a creación da asociación de amizade, unha iniciativa cidadán que expresa como esta irmandade ten unha sólida base entre os nosos veciños e veciñas, garantía da súa continuidade e vigor.”

O luns, 17 de abril, ás 13 h a delegación de Versmold será recibida oficialmente na Casa do Concello tudense dirixíndose posteriormente á rúa Ourense para o descubrimento do “banco da amizade Tui – Versmold”.