Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Inaguración da exposición "San Teotonio, Primeiro Santo Portugués"

7/09/2010

MAÑA MERCORES INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN “SAN TEOTONIO PRIMEIRO SANTO PORTUGUÉS”

Organizada pola Cámara de Valença chega ata Tui ao abeiro da colaboración aberta entre ambos municipios

 

Martes, 7 de setembro de 2010. Mañá mércores 8 de setembro ás 20,30 horas terá lugar a inauguración da exposición “San Teotonio, primeiro santo portugués” que organizada polo Núcleo Museológico de Valença chega agora ata a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui como froito da colaboración aberta entre ambos municipios en diversas materias, nomeadamente no ámbito cultural.

 

Na inauguración está prevista a asistencia do Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha e o Presidente da Cámara Municipal valenciana, Jorge Mendes.

 

Nesta exposición amósase a biografía de San Teotonio, nado en Ganfei en 1082 e morto en Coimbra en 1162 foi canonizado ao ano seguinte, grazas ao impulso do primeiro monarca portugués Afonso Henriques, no primeiro santo portugués.

 

Pero especialmente a infancia de Teotonio está vinculada a Tui, pois a súa terra natal formaba parte daquela da diocese tudense e mesmo do couto de Tui e foi educado no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordans, onde o seu tío Cresconio era abade ata o seu nomeamento como bispo de Coimbra.

 

Testemuña de que a figura de San Teotonio ficou ligada á vida tudense é representación que se conserva no Coro da Catedral ou nun lenzo da sacristia daquel templo tudense.

 

Como complemento desta mostra o vindeiro 28 de setembro o Teatro Municipal de Tui acollerá a representación da obra “A vida de San Teotonio” a cargo do Grupo de Teatro Amador da Associaçao Cultural de Verdoejo – Valença do Minho.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, a presenza desta mostra en Tui, contribuirá a coñecemento mutuo entre ambas localidades veciñas, especialmente dunha historia milenaria compartida entre os habitantes de ambos territorios. Tamén esta exposición evidencia o importante grado de colaboración que nos últimos tempos desenvolvese entre os departamentos de cultura de Valença e Tui, favorecendo as sinerxías de ambas entidades no convencemento que de este traballo común redunda en mutuos beneficios.

O concelleiro Rodríguez Pérez agradece o traballo da Cámara Municipal de Valença e da Confraría de San Teotonio, o Padre Manuel Gonçalo Pereira do Vale e Joao Eduardo Teixeira pola cesión de pezas para esta exposición.