Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A humanización da Avenida de Portugal suporá unha mellora importante e prioritaria da entrada en Galicia dende Portugal

27/06/2022

Hoxe publícase no BOE o anuncio de licitación da obra

A humanización da Avenida de Portugal suporá un investimento superior aos 600 mil euros. Trátase dunha obra “prioritaria e moi necesaria que contribuirá á transformar esta vía” segundo explicaba o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.  O rexedor tudense lembra que a execución desta humanización é unha vella reivindicación que está máis próxima de facerse realidade.

Hoxe mesmo no Boletín Oficial do Estado publícase o anuncio de licitación da Dirección General de Carreteras de “Adecuación y mejora de seguridad vial. Carretera N-551 P.K. 1+400 a 1+850. Término municipal de Tui”. As empresas interesadas teñen até ás 19 h do 20 de xullo para presentar as súas ofertas.

A actuación prevista, cun importe de 604.916 executarase nun tramo de 400 metros dende a intersección entre a N-551 e a N-550 no cruce do Parador Nacional de Turismo, e a vella Ponte Internacional.

Con esta actuación mellorarase tanto a seguridade vial coma estética deste tramo que é a entrada a España dende Portugal, e que é a porta de entrada do Camiño de Portugués de Santiago a Galicia.  Contémplase o ensanchado da beirarrúas, e a colocación de arborado.

Ante a licitación desta obra o alcalde de Tui sinala que é "tan importante coma esperada toda vez que é un proxecto no que levamos traballando e loitando por el dende hai moito tempo". Lembraba así a moción aprobada en pleno en 2011 instando ao Estado a adecuar esta vía, e coma en 2015 cando accedeu ao goberno foi a primeira memoria de actuación urbana realizada.

Engade Enrique Cabaleiro que é "unha obra importante para Tui pero importante tamén para Galicia e para España. Non podemos esquecer que esa é a principal porta de entrada de Portugal no noso país, Camiño de Santiago, e polo tanto era unha obra prioritaria, moi necesaria e que dalgunha forma contribuirá a transformar esa vía e tamén a percepción que poidan ter aquelas persoas que dende Portugal entran en Galicia pola mesma".

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “se todo vai ben as obras poderían comezar a executarse no último trimestre deste ano ou comezos de 2023” confiando que a este proxecto non afecte o sobrecusto que se está a rexistrar nas obras dende que se proxectan até que se executan.