Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe comeza a sétima edición de "Música no Claustro"

22/08/2011

Música no claustro presenta un programa “inmellorable” na súa sétima edición segundo os organizadores

Celebrarase do luns 22 ao venres 26 con ciclo de concertos, conferencias e exposicións

 

Venres, 19 de agosto de 2011.  O Claustro gótico da Catedral de Tui vai acoller a próxima semana a sétima edición do Ciclo de Concertos Música no Claustro, caracterizada este ano por ofrecernos a súa particular visión da música creada dende 1886  nas dúas beiras do Miño ao través de concertos, exposicións e conferencias. Este é o xeito en que este ciclo musical se suma ás celebracións do 125 aniversario da vella Ponte Internacional.

 

O ciclo foi presentado esta mañá na sacristía da Catedral polo coengo Don Ricardo García e por Samuel Diz, responsable da organización de Música no claustro. Estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez e polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.

 

Don Ricardo García abría o acto dando a benvida á sancristía catedralicia destacando que é a que mellor tallas ten das cinco catedrais galegas. Sinalaba que esta é unha das xoias  que ten a catedral, coma o claustro onde se celebran os concertos.

 

Samuel Diz explicaba que o festival en cada edición é máis interdisciplinar. Este ano sumándose á celebración do 125 aniversario da ponte internacional buscan ofrecer unha visión do que é Galicia e Portugal dende 1886. O programa estruturase do seguinte xeito. Por unha banda está o ciclo de concertos que se celebrarán de luns a venres ás 21h no claustro. Nesta ocasión previamente, ás 20h, no propio claustro haberá conferencias ilustradas. E continua tamén o ciclo JL Música de apoio aos novos músicos e tamén a iniciativa A Mirada Ilustrada con Álvaro Reinoso.

 

Samuel Diz destacaba que a programación lograda nesta ocasión non vai ser doada de superar en vindeiras ocasións, xa que no seu parecer “hai un programa inmellorable”.

 

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradecía todo o traballo realizado polos organizadores neste ciclo que poderemos disfrutar a próxima semana. Amosouse satisfeita ao comprobar que o elenco que este ano estará no festival deixa constancia do bo nivel dos músicos tudenses.

 

O alcalde de Tui pola súa parte felicitou aos organizadores por este ciclo centrado no aniversario da ponte internacional, aproveitando a ocasión para lembrar que tanto Tui coma Valença solicitaron ante os respectivos gobernos estatais a declaración desta centenaria infraestrutura coma Ben de Interese Cultural.

 

Programa previsto

 

O VII ciclo de Música no Claustro comeza o luns ás 20h coa primeira das conferencias ilustradas a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela que tratará o tema “A Ponte Internacional coma unión de dous pobo”.  Unha hora despois, ás nove, celebrarase o primeiro concerto a cargo do dúo Espido formado por Guadi Galego e Guillerme Fernández, músicos ligados a Berrogüetto que achegan un orixinal traballo cunha guitarra e unha voz.

 

O martes, 23 de agosto, abre a programación José Aldea director da colección “Itinerarios Histórico-Musicais” abordando a visita musical que propoñen á cidade de Tui. A continuación, ás nove, comezará o primeiro concerto do Ciclo JL Música de novos intérpretes coa actuación de Raquel Areal ao violín, e María Domíguez ao piano. Tras elas actuará xa no ciclo de concertos a pianista tudense Andrea González, que tras catro anos regresa a Música no Claustro dende Milán cidade na que cursa un Máster de Interpretación no Conservatorio Guiseppe Verdi.

 

Continua o ciclo o mércores, 24 de agosto, cunha conferencia ás 20h de Milagros Bará Viñas quen falará de Manuel Quiroga, unha das figuras musicais galegas máis grandes a nivel internacional.  Ás nove dentro do ciclo JL Música actuarán Manuel Madarnás á trompeta e Karolis Biveinis ao piano.  A continuación Sergio Heredia ao violín e Pablo Diago ao piano renderán homenaxe a Manuel Quiroga rescatando composicións deste autor para esta formación camerística.

 

O historiador tudense Suso Vila presentará o xoves ás 20h a situación xeral de Tui no ano 1886 pechando o ciclo de conferencias de Música no Claustro.  Tamén rematará o xoves o ciclo JL Música coa actuación de Sandra Pérez á percusión.  Corresponderá despois a quenda de actuación a Matamá Ensemble formación integrada por Noa Vidal, David Bellas e Xurxo Fernández que ofrecerán unha visión actual da música tradicional galega.

 

Por último o venres pecha Música no Claustro  a actuación de Cláudia Madur presentando o seu novo disco “Fado sem Tempo”. Está considera a nova voz do fado portugués. Estará acompañada por Artur Caldeira, Mario Henriques e Joao Penedo.

 

A mirada debuxada

 

Novamente este ano en Música no Claustro contarase coa presenza de Álvaro Reinoso, ARO, coa exitosa iniciativa “A mirada debuxada” na que irá dando forma a un diario de concertos coas ilustracións que irá creando en cada actuación.

 

Precisamente o cartel anunciador desta sétima edición de Música no Claustro é obra de Álvaro Reinoso plasmando no mesmo unha orixinal panorámica do casco histórico tudense e de Valença unidos por unha ponte onde os diferentes monumentos e edificacións son representados por instrumentos coma unha guitarra, un arpa, un piano, un violín...