Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Historia, patrimonio, natureza, gastronomía,…atractivos para visitar Tui esta Semana Santa

8/04/2022

“Esta Semana Santa… Tuiristea” lema da campaña posta en marcha nas redes sociais

“Esta  Semana Santa… Tuiristea” é o lema da campaña de promoción turística posta en marcha polo Concello de Tui nas súas redes sociais con motivo da Semana Santa. Dende onte venres nas redes sociais municipais, Facebook, Twitter e Instagram, e na conta de Instagram da Oficina de Turismo, propóñense distintos plans para visitar Tui nestes días festivos. Dende os plans imprescindibles na visita a cidade, rutas dun ou dous días, ou propostas para visitar Tui con nenos e nenas.

Deste xeito amais dos actos relixiosos tradicionais da Semana Santa, que en Tui contan con especiais pecualiaridades, o patrimonio, a natureza, a cultura, a gastronomía son tamén atractivos da cidade nestas datas.

No que se refire aos actos relixiosos conta con especial singulariedade a Visita os Monumentos o Xoves Santo, onde destaca a recreación do Horto das Oliveiras na Capela da Misericordia, ao Sermón do Encontro ou do Desencravo, e as procesións dos Pasos e do Santo Enterro, e destacadas imaxes procesionais coma a Dolorosa de Agustín Querol.

Ao abeiro do proxecto “Río Miño, un destino navegable”  pódense realizar rutas de xornada completa aos conxuntos históricos de Tui e Valença ou paseos fluviais polas tardes, previa reserva en www.hemisferios.org.

Na Oficina de Turismo, situada no Paseo da Corredoira, que atende ao público de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h, pódese atopar a información turística do municipio, e recoller por exemplo o material das rutas autoguiadas “O tesouro de Salomón” e “O túnel de dona Urraca” pensadas especialmente para público familiar. A través da sinalización  instalada se poden realizar tamén rutas autoguiadas cos códigos QR ao estar xeoreferenciadas as localizacións. As sinais de cor branca indican a ruta pola cidade histórica e as sinais en cor azul a Ruta Xudía.

A Catedral é dun dos lugares imprescindibles na visita a Tui. Dende os seus tellados pódese gozar de fermosas panorámicas da beira portuguesa e do río Miño, pero tamén do Monte Aloia. O Museo Catedralicio atesoura pezas de prata realizadas por orfebres xudeu, amais de expóñense dous dos Sambenitos atopados nos anos 80 no tempo catedralicio.

Un paseo polo conxunto histórico, pola súas estreitas e empedradas rúas, é outra das propostas para esta Semana Santa, ao igual que atravesar camiñando pola centenaria Ponte Internacional, obra de Pelayo Mancebo, até Valença.

Tui conta co primeiro Parque Natural declarado en Galicia, o Monte Aloia que dende 1978 goza deste recoñecemento. No Centro de Interpretación achegan información sobre as distintas rutas establecidas, e nos seus miradoiros podemos gozar de vistas únicas sobre o Baixo Miño, o Alto Minho Portugués e o Val Miñor.

A gastronomía ten cita destacada coa celebración da Festa do Meixón, dentro da programación das Festas Patronais de San Telmo. Un produto que se poderá degustar até o 25 deste mes en cinco restaurantes tudenses Asador Paulo, El Molino, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, e  Parador de Tui. Ao prezo de 69€ a ración.  Tui conta amais cunha sobremesa típica, coma son os peixes de améndoa e as pastas, cunha receita de orixe sefardí que continúan a elaborar as “monxas encerradas” no Convento das Clarisas.  Amais os viños elaborados por produtores locais pertencentes á D.O. Rías Baixas, son a maridaxe perfecta coa oferta gastronómica que presentan os restaurantes da cidade

Tui conta amais cunha ampla oferta hostaleira, no que o visitante pode elixir entre distintos tipos de aloxamentos: albergues, hostais, hoteis, casas de turismo rural, casas turísticas, un Parador e un Balneario.

Non se pode esquecer amais o feito de que Tui é a porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia dende Valença. Ao longo desta vía xacobea que transcorre polo conxunto histórico, e as parroquias de Rebordáns e Ribadelouro, atopamos distintas pegadas da presenza xacobea dende o Hospital de Pobres e Peregrinos, hoxe Museo Diocesano, á igrexa da Virxe do Camiño,… e a Ponte das Febres onde enfermou o patrón de Tui, San Telmo.

Precisamente o Sábado Santo comeza a programación das Festas de San Telmo con pregón a cargo do actor Luís Zahera, e concerto de Efecto Pasillo. Uns festexos que recuperan este ano unha ampla e diversa programación que se prolongará até o 25 deste mes.

Para coñecer Tui con detalle se pode optar tamén por contactar con algúns dos guías que realizan visitas guiadas, e outra opción é realizar unha viaxe no tren turístico entre Tui e Valença.