Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Gastronomía, Troula Animación e a banda Xangai, broche final á X Festa do Miño

12/08/2022

Chega así a X Festa Gastronómica á rúa Compostela, con postos de comida e bebida, a cargo das asociacións culturais, e música nas rúas de Tui

Mañá sábado volve a Tui a Festa do Miño na súa décima edición e, a partir das 20:00h, a rúa Compostela tinguirase de gastronomía da man de doce asociacións culturais da comarca: a Asociación do Traxe Tradicional de Tui, a Insua de Caldelas, Aloia de Pazos de Reis, Arume de Malvas, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei, Muiñeiros do río Tripes, O Mosteiro de Pexegueiro, San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, e Seixos Albos de Areas.

Entre outros petiscos, estas asociacións porán á venda arepas, empanadas, tortillas, choripan, empanada de maíz, faxitas e tamén sobremesas, como filloas, leite frita, tarta de queixo e, incluso, de nutella. Tamén haberá pizzas vexetais, opcións veganas e sen gluten. Todas estas oferta, a un prezo de entre 1 e 3€.

Amais, a velada estará acompañada polo ritmo e a música de Troula Animación co seu “Funky Party”, co que fará un pasarrúas ao ton da música dos anos 80. Achegarán grandes interpretacións desta música discotequeira con dous zancudos que non pararán de danzar.

E, como concerto final, a banda Xangai animará ao público a danzar a partir das 22:30h, tamén na rúa Compostela. O grupo, que colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña, interpreta temas festivos e alegres que representan á verbena máis pura. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor da súa proposta. Xúntanse nesta banda nomes da música galega, de bandas seminais do movemento Bravú e proxectos posteriores: Os Diplomáticos de Monte Alto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), O Jarbanzo Negro (Nacho López), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía Tarela) ou A Magnifique Bande dos Homes Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano).

 

A festa comeza xa pola mañá

O programa da X Festa do Miño comezará xa ás 12:00h na ribeira de Caldelas coa X Romaría Popular, enmarcada por un xantar campestre. Dende alí, e ás 17:00h, sairá o emblemático Descenso Popular, por décimo primeira vez, no que participarán centos de persoas que realizarán o traxecto até o pantalán na rúa Olímpicos Tudenses. Lembrar que este ano o descenso internacional terá lugar a mediados de setembro.

Para todos aqueles que queiran comezar xa o día á beira do río Miño e empaparse ben do ambiente desta festa, haberá servizos de autobuses dende as 11.30 da mañá ata as 14.30, dende a antiga aduana. Recordar ademais que o prazo de inscrición está xa pechado dende o pasado día 4 e que xa non hai dispoñibilidade de piraguas.