Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Galandum Galundaina e Uxía ofrecen mañá o concerto de clausura do MUMI 2021 no Teatro Municipal de Tui

10/09/2021

Takatum, Magín Blanco e a Banda das Apertas e La Duendeneta actuarán mañá sábado en Tui e Káustika e o Pulpiño Viascón en Valença

Mañá sábado, 11 de setembro, o MUMI 2021 despídese na Eurocidade Tui-Valença cunha xornada de programación aberta ao público. Animación nas rúas para público familiar na Praza de San Fernando de Tui e  na Fortaleza de Valença, showcase da banda portuguesa KÁUSTIKA, música na Corredoira de Tui con “La Duendeneta” e concerto de clausura con Galandum Galundaina + Uxía no Teatro Municipal de Tui.

O MUMI 2021 contará para a súa clausura cun concerto dobre protagonizado por dúas das propostas musicais de maior renome a ambas beiras do Miño: a banda portuguesa Galandum Galundaina e a artista galega Uxía. Será mañá sábado 11 no Teatro Municipal de Tui (22:00 GZ/ 21:00 PT).

A asociación cultural Elogio Vádio, asóciase ao MUMI facendo unhaa extension do festival Mel - piquenique das artes (Vila Nova de Famalicão), apoiando o concerto de clausura. Considerado como un dos proxectos musicais máis relevantes no contexto folk de Portugal durante os últimos vinte e cinco anos,  Galandum Galundaina construíu un espazo no que o pasado e o futuro da música arraiana van da man. A formación, considerada a embaixadora da música das Terras de Miranda, desenvolve un traballo de investigación ao redor dos instrumentos tradicionais -extraordinario no caso da gaita de fol mirandesa pero tamén en aparellos sonoros de construción propia- así como de promoción cultural, coa organización de eventos como o Festival itinerante de cultura tradicional “L Burro i l Gueiteiro.

Pola súa parte, Uxía é unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 35 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, combinando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Algúns dos temas máis recorrentes que explora nos seus traballos son a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega e portuguesa e a defensa da identidade lingüística.

Todos os showcases e concertos abertos ao público teñen entrada libre por orde de chegada con recollida de datos das persoas asistentes.

 O MUMI está patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença a través do proxecto Unicidade. Tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes!

Programación sábado, 11 de setembro

  • 12:00 GZ /11:00 PT SHOWCASE. TAKATUM presenta Ah!Ah!Ah! Praza de San Fernando (Tui)
  • 12.45 GZ /11:45 PT SHOWCASE MAGÍN BLANCO E A BANDA DAS APERTAS. Praza de San Fernando (Tui)
  • 13:30 GZ/ 12.30 PT SHOWCASE KÁUSTIKA. Paseo da Corredoira (Tui) *
  • 19:00 GZ / 18:00PT  La Duendeneta: Os Camiños das Músicas Galegas. Paseo da Corredoira (Tui)
  • 20:00 GZ / 19:00 PT SHOWCASE.  Pulpiño Viascón. Paseo da Corredoira (Tui) *
  • 22:00 GZ / 21:00 PT Galandum Galundaina + Uxía. Concerto de clausura. Teatro Municipal de Tui

* As actuación de Káustika e Pulpiño Viascón, estaban inicialmente previstas na Fortaleza de Valença pero foron trasladadas ao Paseo da Corredoira en Tui debido aos tres días de loito oficial decretados en Portugal polo pasamento do expresidente Jorge Sampaio