Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"Fulano, Mengano e Citano" estrean en Tui "Arte". Haberá funcións venres e sábado

7/02/2007

Haberá dobre función o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h
Fulano, Mengano e Citano estrean en Tui “Arte”
Esta montaxe está baseada na obra de Yasmina Reza

A compañía galega Fulano, Mengano e Citano estrean este venres en Tui a súa última montaxe “Arte” baseada na obra de Yasmina Reza. Baixo a dirección de Celso Parada os tres actores, Manuel Álvarez, Xosé M. López Conde e Manuel Pombal, levan a escena esta comedia na que ao longo de 90 minutos farán gala do seu humor ácido e brillante.

En “Arte” Fulano, Mengano e Citano póñennos diante dun espello no que se amosan as actitudes que conforman parte esencial da nosa propia esencia. O punto de partida é un cadro en branco polo que un dos protagonistas, Sergio, pagou unha boa cantidade de cartos. O seu amigo Marcos que odia a arte moderna non entende coma puido pagar tanto diñeiro. Iván, o terceiro en discordia, aparece en escena tentando calmar as partes en conflito pero acaba tamén metido no enredo.

A montaxe desta obra constitúe para Espiral Producións todo un reto, ao tratarse dunha das pezas teatrais contemporáneas de maior prestixio internacional. Foi escrita en 1994 e afianzou a Yasmina Reza coma unha das autoras dramáticas de máis éxito no mundo. Ten acadado distintos premios a nivel internacional e foi traducida a varios idiomas. Agora Espiral Producións conseguiu en exclusiva os dereitos de tradución e adaptación ao galego. E este venres terá lugar a súa estrea.

A cita será ás 21.30h no Teatro Municipal de Tui na Área Panorámica dentro da programación do primeiro semestre deste ano 2007. Haberá unha segunda función o sábado ás 20.30h. As entradas teñen un prezo de 4,5€, 3,5€ con desconto e 2,5€ para os menores de 12 anos. Poranse á venda na Billeteira da Área Panorámica ás 16.30 cada día de función.

Dende a Concellería de Cultura quérese agradecer a Fulano, Mengano e Citano, que por segunda vez teñan elixido Tui para o estreo dunha das súas montaxes, xa que en 2005 estrearon na cidade “O Faro” e este venres porán por vez primeira en escena para o público “Arte”. A compañía leva amais dende o pasado luns realizando os últimos ensaios no Teatro Municipal de Tui.