Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Francisco Narla presenta mañá en Tui a súa novela “Ultreia”

21/05/2026

Será ás 19.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela

O escritor lucense Francisco Narla presentará mañá venres, ás 19.30 h, no Espazo Sociocultural en Tui a súa nova novela, Ultreia. O acto está organizado pola Libraría Espazo Lector Nobel coa colaboración da Biblioteca Municipal e forma do programa de actividades “Tui en Letras” que promove o libro e a lectura nos meses de maio e xuño.

“Ultreia” é unha obra de ficción histórica ambientada na Idade Media que reivindica a figura de Urraca I de León, adentrándose nas luces e sombras do arcebispo compostelán Diego Gelmírez, no contexto do auxe das peregrinacións á catedral de Santiago de Compostela.  

O autor subliña que a novela sitúa ao lector nun dos momentos máis decisivos para a consolidación do Camino de Santiago como gran roteiro de peregrinación europea. A través de personaxes históricos e ficticios, reconstrúe unha época marcada polas loitas de poder entre a monarquía, a nobreza e a Igrexa, nun momento no que a cidade compostelá comezaba a gañar relevancia relixiosa e política no continente. Nese escenario, a novela recrea a vida de quen percorría a ruta xacobea, cos seus perigos, intereses e motivacións, á vez que retrata o ambiente político e relixioso da época.

Esta novela Ultreia forma parte dun proxecto narrativo máis amplo centrado no Camiño de Santiago. A novela intégrase nunha triloxía na que o autor aborda distintas etapas históricas vinculadas á evolución do camiño xacobeo, desde a súa consolidación medieval ata a súa expansión como un dos grandes itinerarios culturais e espirituais de Europa.