Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui-Valença celebra unha Cabalgata de Reis única en Europa

2/01/2026

A única Cabalgata de Reis entres dous países que se celebra en Europa volverá unir o próximo luns o territorio da Eurocidade Tui-Valença nun evento tan singular coma máxico.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán xa ás 10.30 h ao Teatro Municipal de Tui onde serán recibidos polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e polo presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira. Comezará logo a recepción real na que, até ás 14 h, os Reis Magos  escoitarán atentos aos nenos e nenas que se acheguen a saudalos.

Ás 17 h ES comezarán o seu percorrido internacional dende as Cortinas de São Francisco, aos pes da Fortaleza de Valença, xunto a unha comitiva formada por máis de 200 persoas.  Viaxarán en tres magníficas carrozas ao longo de 3,5 quilómetros pola Avenida dos Combatentes da Grande Guerra, Rotunda da Trapicheira, Avenida de España, Ponte Internacional, rúas Martínez Padín, Ourense e Lugo, Praza de Galicia, rúas Betanzos e Compostela.   Punto destacado do itinerario será a Ponte Internacional que une as dúas cidades, que é sinal de identidade e de unión, que se reforza con este destacado evento anual que se realiza dende hai dez anos.  Na rúa Ourense contarase dun punto para que as con mobilidade reducida poida disfrutar da Cabalgata. As carrozas permanecerán estacionadas na rúa Compostela, e Melchor, Gaspar e Baltasar, volverán ao Teatro Municipal para recibir a todos os nenos e nenas que desexen saudalos e compartir con eles os seus soños nunha noite chea de ilusión.

Debido á celebración da Cabalgata Internacional o luns dende ás 8 h estará prohibido o estacionamento no tramo da rúa Martínez Padín dende a Oficina de Correos até o cruzamento coa rúa Ourense, na rúa Lugo e na rúa Compostela. Dende ás 14 h tampouco se poderá estacionar na Avenida de Portugal e no primeiro tramo da rúa Martínez Padín. O tráfico nas rúas por onde transcorre a Cabalgata será cortado media hora antes do pase da comitiva real.

A Eurocidade Tui-Valença prepárase para a noite máis máxica do ano na que culminará a programación especial de Nadal, cun evento singular e único que reunirá a miles de persoas.