Estrea simultánea en Tui e Salceda de “Trax II: a estabilización dos cúbits”
Participaron 350 alumnos do IES Indalecio Pérez Tizón e do CEP Altamira o 15 docentes. A iniciativa recibira o terceiro Premio Innovagal
Estrea simultánea en Tui e Salceda do audiovisual “Trax II: a estabilización dos cúbits” realizado por alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui e do CEP Altamira de Salceda de Caselas.
A cita será ás 12 h do mediodía no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, aberta ao público en xeral, e no Auditorio de Salceda para o alumnado de 6º de Primaria do CEP Altamira.
Esta iniciativa impulsa a creación audiovisual colectiva unindo linguas, arte, tecnoloxía e divulgación científica. Así o proxecto Trax II: a estabilización dos cúbits, da Escola de Talento ProxectaEconectaTV, converte as aulas nun espazo de creación audiovisual real no que alumnado e profesorado comparten ideas, asumen responsabilidades e desenvolven o seu talento a través do traballo colaborativo.
Participan arredor de 350 alumnas e alumnos do IES Indalecio Pérez Tizón, de Tui, e do CEP Altamira, de Salceda de Caselas, e 15 docentes. O proceso conta co acompañamento técnico de profesionais do mundo audiovisual e co acompañamento pedagóxico do profesorado dos distintos niveis educativos, que achega a súa experiencia e coñecementos desde as respectivas especialidades. O alumnado participa activamente nunha experiencia que combina aprendizaxe, convivencia e creación audiovisual nun contexto próximo ao profesional.
O proxecto vai máis alá da produción dunha película. Aposta pola alfabetización mediática, a cidadanía dixital responsable, a creación de contidos de divulgación científica con perspectiva de xénero e a reflexión sobre o benestar dixital. A física cuántica e a xenética tamén atopan o seu lugar nesta proposta, que busca achegar a ciencia ás novas xeracións mediante linguaxes actuais, motivadoras e próximas aos seus intereses.
Tras a estrea de mañá a partir do mes de novembro, a peza audiovisual estará dispoñible na canle de YouTube ProxectaEconectaTV, da Escola de Talento ProxectaEconecta, para que toda a comunidade educativa e o público interesado poidan gozar desta creación colectiva e coñecer o resultado dun proxecto que une educación, ciencia, arte e colaboración.
Recoñecido co terceiro Premio Innovagal, o proxecto conta co impulso e apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como coa colaboración dos concellos de Tui e Salceda de Caselas, da Consellería do Medio Rural, da Consellería de Medio Ambiente, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e do ISSGA. Tamén colaboran entidades científicas como o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), empresas como Naviera Piratas de Nabia e Seganosa, e numerosas persoas e institucións que facilitaron espazos e recursos para a gravación.
Entre os agradecementos especiais figuran Luz Casal, pola autorización para utilizar a súa interpretación de «Negra sombra», e The Rapants e 9Louro, pola súa contribución musical con «Bláster» e «Os meus males», respectivamente. Así mesmo, agradécese a don José Diéguez Dieppa a cesión de espazos tan singulares como o claustro da Catedral de Tui.
O proxecto recoñece tamén o labor de Ana Puentes Vázquez, coordinadora do Plan Proxecta e asesora de innovación educativa, polo seu acompañamento e apoio continuado ao longo dos anos, así como o de todas as persoas que achegaron ideas, actuaron, participaron na figuración, observaron, formularon críticas construtivas e contribuíron a sacar adiante a produción.
Trax II representa unha maneira de entender a innovación educativa: abrir oportunidades, sumar capacidades e descubrir o talento que existe nas escolas de primaria e secundaria, ofrecéndolle novos espazos para expresarse, experimentar e crear. Porque cando a educación conecta persoas, coñecementos e linguaxes, o alumnado deixa de ser só espectador para converterse en protagonista da súa propia aprendizaxe.





