Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Este venres comeza a programación cultural do primeiro semestre no Teatro Municipal

1/02/2007

Este venres comeza a programación cultural do primeiro semestre en Tui
A concellería de Cultura destina 60 mil € á actividade cultural que hoxe foi presentada

Títeres Cachirulo abrirá este venres a programación cultural do primeiro semestre do 2007 que organiza a Concellería de Cultura de Tui. Esta compañía santiaguesa representará ás 20.30h, no Teatro Municipal, o clásico de Kipling “O Libro da Selva” . Trátase dunha obra de monicreques de mesa dirixida a un público familiar.

A programación do Teatro está composta por un total de 14 espectáculos de seis xéneros diferentes que terán lugar, na meirande parte dos casos os venres, até o 25 de maio.

Entre os espectáculos programados destaca a presenza o 2 de marzo do Centro Coreográfico de Galicia que presenta en Tui a súa primeira montaxe “Vacuo”, que está a ter unha gran acollida por parte do público. A compañía “Fulano, Mengano e Citano” elixiu Tui para estrear o seu último espectáculo “Arte” baseada na obra de Yasmina Reza, esta vai ser a primeira vez que na programación se ofreza dobre función xa que a representación terá lugar o venres 9 e o sábado día 10 de febreiro. A Tui volverá “Lagarga, Lagarta” con “As últimas lúas” o 9 de marzo, e o Teatro dos Tirinautas presentan “O último Chimpín” o 18 de maio.

Por vez primeira introdúcese na programación do teatro a maxia coa presenza do Mago Richard, o Mago-Mimo Anyo, e o Mago Teto. A programación complétase con Teatro de la Luna de Madrid, Talía Teatro, Migallas Teatro, Artello Alla Scala 1:5 e La Imagina Machina. A música chegará co cuarteto Rebagliati-Ons que farán unha fusión da música de Bos Aires e Galicia o 13 de abril. Esta vai ser amais a primeira ocasión en que a Concellería de Cultura ofreza tamén unha programación estable no Teatro ao longo da semana das Festas de San Telmo no mes de abril.

A oferta deste primeiro semestre complétase no apartado de Festas, Feiras e Festivais co Entroido, a XI Feira de Artesanía e a X Feira do Libro que organiza tamén a Concellería de Cultura. A estas actividades súmanse o III Festival Internacional de Documentais Play-Doc e as Festas de San Telmo nas que colabora o Concello.

A presentación desta programación correu a cargo do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.
O responsable de Cultura destacou o incremento nun 46% do orzamento do seu departamento neste ano, que ascende a 180 mil euros, co que dicía “a Concellería fai unha aposta importante”. Deste total 60 mil destínanse á programación do primeiro semestre do ano.

Con respecto a programación presentada esta mañá Moisés Rodríguez destacou que ven recollida no número 13 da Axenda Cultural Corredoira que comezou a repartirse na fin de semana e que chegará a todos os domicilios de Tui. Son un total de 15 mil exemplares realizados esta vez en formato vertical e papel reciclado polo que se aposta tamén polo medio ambiente.

O responsable do departamento de Cultura salientou por outra banda que se reforza a aposta por realizar unha programación “continua e estable” de outubro a maio no Teatro Municipal. Tamén destacou que neste semestre se continua cunha programación familiar que está a ter moi boa acollida e que está a ser demandada. Para publicitala, amais da Axenda Cultural Corredoira e a presenza nos medios de comunicación, sinalou que na fachada da Área Panorámica colocáronse dúas pancartas con todos os espectáculos que serven de reclamo importante para esta actividade cultural. Remataba agradecendo a colaboración do propio Concello de Tui, da Deputación de Pontevedra, e de Caixanova para levar adiante esta iniciativa.

Pola súa parte o Alcalde, Antonio Fernández Rocha, manifestou que “esta aposta que fai o concello sen o público non tería sentido”, facendo fincapé no incremento do orzamento da Concellería de Cultura.