Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta mañá presentouse a 19ª edición de Play Doc

21/04/2023

O festival Internacional de Cinema de Tui celebrarase do 26 de abril ao 1 de maio

Dende o próximo mércores 26 de abril e até o luns 1 de maio celébrase a décimo novena edición de Play Doc, o Festival Internacional de Cinema de Tui que foi presentado esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso e o codirector do festival, Ángel Sánchez.

A 19ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc comezará o próximo mércores 26 co acto inaugural. Esta edición que continúa fiel ao selo de identidade deste certame, que, ao longo da súa traxectoria, destacou por presentar en España primeiras retrospectivas de cineastas de culto e verdadeiras lendas do cinema, e moi especialmente por recuperar, redescubrir e reivindicar outros moitos nomes esquecidos, censurados ou amplamente descoñecidos. Unha programación que toma de novo o pulso ao cinema internacional contemporáneo máis recente, sen perder de vista o máis representativo do cinema producido en Galicia durante o último ano.

Ángel Sánchez, responsable do certame xunto con Sara García Villanueva, co-fundadora e directora Artística, presentou os contidos da programación, e desvelou o amplo e rico programa de cinema galego desta edición.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma Play Doc como marca internacional logra tamén a internacionalización dun municipio que xa ten esa dimensión ao ocupar a centralidade dun territorio transfronteirizo. Nese senso destacaba que o reto e desafío que o festival ten por diante é acadar unha dimensión transfronteiriza.

A deputada provincial de Cultura, María Vitoria Alonso, puxo en valor "o compromiso do festival por programar novidades en cada edición" ademais engadiu, "o esforzo do certame por visibilizar o cinema galego póndoo en valor". Neste senso tamén se pronunciou o director da AGADIC, Jacobo Sutil, que apuntou "o importante traballo que realiza o festival para achegar o cinema ao público e realizar grandes encontros sectoriais cunha programación que aúna o mellor do panorama internacional, nacional e galego". 

Cinema galego

Un total de 13 títulos conforman o programa de cinema galego desta 19 edición, entre os que están tres estreas mundiais. Circo Nevada dirixida por Manuel Valcárcel, Al otro lado del mar de Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez, e Devocións dirixido por Anxo Montero e María Serna,

Ademais, nesta edición maniféstase un auxe de documentalistas mulleres que exploran a súa visión do corpo da muller desde diferentes puntos de vista. Así proxectarase 30’ 70 60’ 120  de Marta Valverde, Habitar  de Anxos Fazáns, Na pel da memoria de Laura e Coral Piñeiro, Espantos y desencantos de Ariadna Silva e Hondarrak (En ruinas) de Paula Iglesias e Marta Gómez. Mentres a parte máis experiemental do cinema producido en Galicia está asinada por Helena Girón e Samuel M. Delgado na súa película Bloom, Serpari de Iria Sanjurjo e Ecotone de Enar De Dios. Completan a sección, A Foreign Song dirixida por César Soutoe Los Saldos dirixida por Raúl Capdevila

Toda a programación do festival está dispoñible na web do festival, www.play-doc.com, onde están tamén á venda as entradas.