Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana remata o curso “iniciación ao gravado” que imparte Xabier de Sousa en Tui

12/11/2010

ESTA FIN DE SEMANA REMATA O CURSO “INICIACIÓN AO GRAVADO” QUE IMPARTE XABIER DE SOUSA EN TUI

Venres, 12 de novembro de 2010. Nesta fin de semana remata o curso de gravado que organizou na nosa cidade a Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, O curso cunha duración de 32 horas foi impartido nos días 6, 7 deste mes e remata mañá sábado 13 e o domingo 14 de novembro no edificio Área Panorámica de Tui.

Esta actividade de formación enmarcase na colaboración aberta entre a Concellería de Cultura do Concello de Tui e a Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño que tivo o seu primeiro acto na presenza na nosa cidade da exposición “Contornos” sobre o traballo dos torneiros de Galicia e que contou cunha exhibición en vivo do seu traballo artesanal.

Un total de quince artesáns participan nesta actividade que ten coma obxectivo contribuír ao desenvolvemento do sector artesanal galego fornecendo novas ferramentas técnicas aos artesáns.

Na pasada fin de semana os participantes amosaron a súa satisfacción polo traballo desenvolvido nas intensas horas de formación realizadas baixo a dirección do artesán e gravador tudense, Xabier de Sousa.

Xabier de Suosa nace en Tui no ano 1960 e posúe unha formación autodidácta no mundo da arte, ten realizado estudios de gravado en diversos talleres de Arte Gráfica da provincia de Pontevedra e de Lugo. Imparte cursos monográficos de gravado. Membro do grupo “Graph” (gravadores do sur de Galicia); impulsor e co-director do centro de gravado “+Obra gráfica galega” de Vigo e tamén do grupo de gravadores “Escara” (con sede en Lugo). Na actualidade é director do estudo de gravado “Chicorio” de Vigo e ten aberto recentemente un estudio e obradoiro na cidade de Vigo.

Na súa longa traxectoria de exposicións, tanto individuais como colectivas, poderíamos destacar a súa participación en “Estampa” o Salón Internacional do Gravado de Madrid en varias edicións, ou na Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira, foi seleccionado e certames artístico en Europa e América, realizando numerosas exposicións en varios países europeos.

Obtivo o 1.º premio na VII Bienal do Eixo Atlántico. Foi seleccionado no VI Premi de Gravat Ciutat de Lleida, e participou no 1.º Salón Internacional de Arte Contemporáneo «Puroarte» (Vigo), na XIV Estampa (Salón Internacional do gravado e edición de arte contemporánea, Madrid). En 2007 foi seleccionado no Certame de Gravado «Máximo Ramos» (Ferrol), no Premio Nacional de Pintura «El Primero de Fariña» (Toro) e no I Premio Nacional de Gravado «Ciudad de Valladolid». As súas obras figuran no Museo Nacional do Gravado de Bos Aires (Arxentina), no Museo Municipal de Ourense, no Museo de Belas Artes «Lucas Braulio Areco» (Municipalidad de Posadas, Arxentina), no Museo San Telmo de Donostia (Guipúscoa), na Biblioteca Nacional (Madrid), na Deputación de Ourense e na Fundación Caixanova (Vigo). Foi finalista dos premios de artesanía 2008 e 2009 entre outras moitas distincións á súa obra.