Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A escritora Marga do Val e o Tyde F.C. premios Cidade de Tui 2026

11/03/2026

A entrega dos galardóns terá lugar o sábado, 4 de abril, nun gala no Teatro Municipal

A escritora Marga do Val na categoría individual e o Tyde F.C. na de colectivo recibirán os premios Cidade de Tui de 2026 en recoñecemento a súa achega á cidade e á sociedade tudense en diversos ámbitos. Así o acordou o Concello de Tui a proposta unánime do xurado destes premios, tras un amplo debate entre posibles persoas candidatas a este galardón. O acordo foi aprobado na Xunta de Goberno Local.  

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes premios “exemplifican a vitalidade da vida tudense, o dinamismo dos seus diversos sectores sociais así como a capacidade creativa e innovadora de tantos tudense en diversos ámbitos da vida social”. 

Sinala Enrique Cabaleiro que os galardoados deste  ano son amplamente merecentes deste Premio Cidade de Tui. Cen anos de historia atesoura o  Tyde F.C. dende a súa fundación en 1926. Dende entón ten destacado polo intenso labor de promoción do deporte  que veñen realizando no fútbol base e no fútbol feminino.  Tense convertido nunha referencia do deporte tudense pola súa longa traxectoria e polos éxitos deportivos acadados coma o ascenso a Rexional Preferente a temporada pasada. Pola súa banda, Marga do Val une a súa ampla actividade literaria, onde Tui e os tudenses teñen un papel protagonista, a súa faceta como promotora e divulgadora da cultura galega e o seu papel como fundadora e presidenta do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” que organizan anualmente un amplo programa de actividades en lembranza deste tráxico acontecemento histórico decisivo para o movemento agrario de Galicia.

A entrega destes Premios Cidade de Tui terá lugar o sábado 4 de abril no Teatro Municipal como acto de apertura das festas patronais de San Telmo.

A deste 2026 é a sexta edición destes galardóns que en anos anteriores recoñeceron  na categoria individual ao escultor Silverio Rivas, ao investigador do muíños Alberto Romero “Romer”, ao médico Juan Carlos García Valdecasas Salgado, á enóloga Susana Esteban Ordoñez, e aos irmáns Marita e Manuel Vázquez de la Cruz. Na categoría colectiva foron premiadas as Hermanitas do Ancianos Desamparados, Sos Tomiño-Baixo Miño, a Radio Municipal de Tui, Amigos da Catedral e a Asociación Tui-Salceda de Buenos Aires.

Premio Cidade de Tui Colectivo: Tyde FC

O Tyde FC nace no ano 1926, froito da fusión de varios equipos locais, celebrándose neste ano o seu centenario como referencia do deporte tudense. 

O club xogou inicialmente en diversos lugares e no histórico campo de Chau Chau, posteriormente a Guerra Civil interrompeu as súas actividades en 1936.

Esta entidade deportiva retomou a súa carreira na década de 1950, competindo inicialmente co nome de Tuy Racing Club e posteriormente consolidándose como Tyde F.C. nas ligas rexionais. Durante a década de 1970, conseguiu os seus primeiros logros deportivos, acadando o ascenso á Rexional

Preferente en 1979 e o salto histórico á Terceira División en 1983 manténdose ata 1989 nesta categoría. Ese mesmo ano inaugurouse o estadio municipal de Chans do Carrasco, actual estadio Alcalde Álvarez Durán, onde o club estableceu a súa sede permanente. Logo de 23 anos retornou nesta tempada 2025-2026 á Rexional Preferente.

Na actualidade o Tyde CF posúe nove equipos de competición, entre eles dende hai varios anos unha equipa feminina, o que acredita unha ampla masa social e un traballo consolidado na canteira cos nenos e nenas e mocidade tudense  promovendo os valores do deporte.

Premio Cidade de Tui  Individual: Marga Romero Lorenzo (Marga do Val)

Licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega. Profesora de lingua e literatura galega. Desempeñou este labor no IES San Paio de Tui (2000-2018), na actualidade ten destino no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Foi lectora de lingua e literatura galega na Universidade de Tréveris (Alemaña) (1995-2000). Deu aulas de lingua e cultura galega na Universidade de Colonia (Alemaña) (1998-2000)

Escritora, cultiva todos os xéneros literarios e, alén colaboracións en diferentes obras colectivas, ten publicados entre outras as seguintes obras:

Narrativa xuvenil: O Prognóstico da lúa (1997) e Tizita e Sabela na procura: Castro e Castrelos. Historias para coñecermos Vigo (2016), Mundo Detrás del Marco.

Biografía: Carolina Otero, A Nosa Terra, 2001.

Poesía: Como poeta, a súa obra forma parte de múltiples publicacións colectivas e publicou os seguintes libros: Entre dunas,(En colaboración con Paula de Lemos), Espiral Maior, (2000) e A cidade sen roupa ao sol, Espiral Maior (2010) Premio da Crítica Española.

Teatro Representado: Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne, estreada en 2002 pola compañía Teatro Arte Livre.; Belle Otero, O corpo que fala, estreada en 2002 pola compañía Teatro Arte Livre.; Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, en 2007 pola compañía Teatro Arte Livre e Lorca e as flores de Venus, en 2011, pola compañía El Producións Artísticas.

Tradutora: Cousas da rapazada, de Peter Bichsel. Asinado co nome de Marga Romero e en colaboración con Joachim Wormuth, Alfaguara, 1998. (Do alemán ao galego), A casa da paixón, de Nélida Piñón, Galaxia, 2006. (Do portugués ao galego) e Randea do Alento, de Herta Müller, Edicións Xerais, 2010. (Do alemán ao galego). Premio á mellor tradución pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)

Como estudosa da literatura galega ten publicados diferentes libros e colaboracións relacionadas con Otero Pedrayo, con autores do exilio galego como Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Lois Tobío e coa literatura galega escrita por mulleres como María Xosé Queizán, Xela Arias, Luísa Villalta.
Implicada na recuperación pola Memoria Histórica e como froito das súas investigacións ten publicado diferentes textos sobre Elena Estévez, agrarista de Teis; Josefa García Segret, a mestra de Forcadela; Mariví Villaverde, comprometida exiliada; As mulleres da familia Jaso de Tui, Evangelina, Loliña e Ramona, e Elvira M. Villa, pintora e promotora con Xavier Pousa da Exposición "Nova Estampa Galega", exposición que foi secuestrada en Tui en 1968.
E tamén ten traballado na crítica literaria/ xornalismo literario e de opinión: Foi columnista no desaparecido semanario A Nosa Terra. Asinou unha sección mensual co título de  “E-pistola-río” no semanario Sermos Galiza. Na actualidade é columnista semanal en Nós Diario  e forma parte da plataforma de crítica feminista  A Sega.

É Directora do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) destacando a súa implicación na conmemoración anual deste fito do movemento agrario e a súa activa participación en numerosas iniciativas sociais e culturais desta cidade de Tui, así como en numerosos lugares de Galicia. Foi tamén actriz coa Compañía Teatro Arte Livre (TAL) nas obras: Lolas, dirixida polo actor brasileiro Roberto Cordovanni e Aurora Rodríguez e a súa boneca de carne, dirixida por Roberto Cordovanni.