Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Encontros con persoas inspiradoras no Festival Boas Vibes

27/08/2025

Compartirán as súas historias Guillermo Carracedo, Isabel Garrido, Fatisuki e Raúl Lomba na Alameda de San Domingos o sábado 6 de setembro

Catro persoas mozas referentes na creación de contidos dixitais, da interpretación, do deporte e da moda compartirán as súas experiencias profesionais e persoais nos Encontros Inspiradores do Festival Boas Vibes. O Mirador da Alameda de San Domingos acollerá estas conversas o sábado 6 de setembro a partir das 12.00 h.

Contarase coa participación de Guillermo Carracedo, médico, campión de Europa e seis veces campión de España de paddle surf e tiktoker. Este santiagués conta con 4,3 millóns de seguidores en Tiktok e 291 mil en Instagram, redes sociais onde divulga contido de surf, natureza, benestar, viaxes e estilo de vida. 

A actriz coruñesa Isabel Garrido compartirá a súa experiencia tras traballar en series como Élite, El Jardinero, El desorden que dejas ou Acacias 38, ademais de múltiples e obras de teatro. 

Tamén participará Raúl Lomba, cofundador da marca de moda surfeira galega Waves, cuxa identidade se basea no mar de Ferrol e na tradición mariñeira. 

A creación de contidos en redes sociais estará tamén presente coa galega Fatisuki, streamer e creadora de contidos de humor, anime e videoxogos. Ela conta 122 mil seguidores en Tiktok e 54 mil en Instagram. 

Os Encontros Inspiradores forman parte da programación do Festival Boas Vibes, creando un espazo de diálogo onde a mocidade poida coñecer os retos aos que estas catro persoas referentes tiveron que facer fronte, e compartir con elas e eles as súas experiencias. 
A programación completa pode consultarse en tui.gal.