Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

ELEVADA PARTICIPACIÓN NOS ACTOS DA XORNADA EUROPEA DA CULTURA XUDÍA EN TUI

5/09/2011

Preto de 250 persoas participaron nas visitas guiadas

Esta pasada fin de semana a cidade de Tui foi escenario das actividades programadas arredor da celebración da Xornada Europea da Cultura Xudía pola Concellería de Cultura tudense para divulgar e poñer en valor á achega da cultura xudía á historia e o patrimonio de Tui.

 

De novo as visitas guiadas celebradas acadaron un grande éxito de participación. Así na mañá do sábado máis de 150 persoas participaron na visita guiada celebrada ás testemuñas xudía conservadas na nosa cidade. Neste itinerario participaban tamén arredor de 40 membros da Asociación Galega de Amizade con Israel que se sumaban así a esta Xornada.

 

Esta Asociación enriqueceu o programa de actividades coa organización do “ II Sehudat Shabat”  ou xantar do sábado celebrado no Parador de Turismo “San Telmo” de Tui e que contou con máis de sesenta comensais que participaron así dun menú típico da cultura xudía, en concreto das vindeiras festas do aninovo xudeu ou “Ros Hasana” que celebraran nos próximos días.

 

En canto a segunda visita ao conxunto histórico da cidade, celebrada onte domingo, foron cerca de cen persoas as que decidiron visitar os vestixios xudeus que se conservan no casco histórico tudense. Comezando na Praza do Concello, onde residían algún membros da comunidade xudía tudense, continuouse pola Catedral, o Museo Catedralicio e o claustro, para coñecer o gravado da Menorá, visitando a continuación a rúa Entrefornos onde se situaba a única carnicería xudía documentada en Galicia, visitando de seguido a torre do Xudeu da muralla medieval, proseguindo pola rúa das Monxas, na ubicación da Sinagoga e rematando na casa de Salomón na rúa Canicouba ou Bispo Castañón. Salientar que na vista do sábado foi contemplada tamén a colección de “Sambenitos” do Museo Diocesano, unha excepcional e única mostra do patrimonio relacionado cos conversos.  Estes percorridos estiveron dirixidos polo historiador local, Suso Vila Botanes.

 

O programa se completa coa exposición “Tui Sefarad” que realiza un achegamento a través de imaxes e textos á historia da comunidade xudía tudense ao longo dos séculos. Esta exposición pódese visitar ata finais de setembro na Capela de San Telmo da Catedral de Tui.

 

Estas actividades demostran o interese por achegarse ao coñecemento da vida dos habitantes da cidade na Idade Media e en especial dos xudeus que conviviron con tudenses naquela época. Tui agarda incorporarse á Red de Juderías, que organiza estas xornadas e que agrupa a 21 vilas e cidades españolas, á que tamén pertencen cidade galegas coma Ribadavia e Monforte de Lemos.

 

Para os responsables municipais tudenses a celebración por cuarto ano desta Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui posibilita ofrecer a veciños e visitantes o coñecemento de aspectos ata agora escasamente divulgados, como é neste caso o patrimonio vinculado á presenza dos xudeus en Tui, e que redundará nunha maior valorización do noso conxunto histórico. O Concello de Tui  a través da concelleira de cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, agradece a colaboración de persoas e entidades que teñen cooperado no éxito desta Xornada.