Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A educación en diversidade e un “Serán de Fantasía” centran o programa “Tui con orgullo”

23/06/2022

Iluminarase o palco da música da Corredoira coas cores do arco da vella e colocarase a bandeira deste colectivo na casa do concello

Celebrar a diversidade e reivindicar unha sociedade máis xusta é o obxectivo do programa de actividades “Tui con orgullo” que por terceiro ano consecutivo se vai celebrar organizado pola Concellería de Igualdade. As actividade comezaron o pasado 17 de xuño e se van prolongar até o venres 1 de xuño.

Dende o próximo luns e para visibilizar “Tui con orgullo” colgarase da casa do Concello a bandeira representativa deste colectivo, ao tempo que o palco da música no Paseo da Corredoira iluminarase coas cores do arco da vella

O martes 28 de xuño, Día do Orgullo, difundirase na web municipal, www.tui.gal, e nas redes sociais municipais un manifesto.

O xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED terá lugar a charla en aberto “Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade” a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar dende o curso 2016/17 no IES Politécnico de Vigo. A poñente é tamén cofundadora e coordinadora da asociación Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e formadora de profesorado e creadora de material didáctico sobre diversidade sexoxenérica e familiar.

Xa o venres, 1 de xullo, ás 20.30 h, no Paseo da Corredoira terá lugar o “Serán de Fantasía”.  Este acto comezará co espectáculo “A drag pandereteira” a cargo de Meiga-I, que creará unha auténtica fantasía galega, pondo en valor a diversidade e a cultura propia, nunha performance na que fusiona o folk galego coa disciplina drag.  A continuación ás  21.30 h, actuará a Big Band formada polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que se suman a esta celebración da diversidade.

Este programa de actividades “Tui con orgullo” comezou o pasado venres, 17 de xuño, no IES San Paio cun encontro do alumnado do centro con Nee Barros Fernández. A través da súa obra “Identidade”, Nee Barros abordou o tema da identidade de xénero dun xeito moi persoal e cunha linguaxe quen de chegar ao público máis novo. No encontro coa mocidade abordou realidades coma transxénero, identidade, linguaxe non sexista,… Tamén falou en primeira persoa de sexo, xénero e identidade das persoas trans. Con esta actividade deuse visibilidade á realidade das persoas trans e dos abusos que padecen.  

A participación nestas actividades é de balde até completar o aforo, non sendo precisa inscrición previa. Recoméndase asistir con 10 minutos de antelación. As persoas interesadas poden acadar máis información na web municipal tui.gal ou no correo igualdade@tui.gal.

Tui con Orgullo

  • Venres, 17 de xuño, no IES San Paio
    • Encontro con Nee Barros
  • Luns, 27 de xuño
    • Colocación da bandeira representativa do colectivo na casa do concello e iluminación coas cores do arco da vella do palco da música no Paseo da Corredoira
  • Martes, 28 de xuño – Día do Orgullo
    • Difusión do manifesto do Día do Orgullo en www.tui.gal e nas redes sociais
  • Xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED
    • Charla “Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade” a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGTBIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar
  • Venres, 1 de xullo, no Paseo da Corredoira “Serán de Fantasía”
    • Ás 20.30 h espectáculo a cargo da drag pandereteira Meiga-I 
    • Ás 21.30 h actuación da Big Band do Conservatorio Profesional de Música de Tui.