Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A edición dixital da obra de Francisco Sánchez, proposta para o futuro como conclusión das xornadas adicadas ao filósofo tudense

29/11/2006

POSITIVO BALANCE DAS XORNADAS SOBRE FRANCISCO SÁNCHEZ
A edición dixital da obra sancheciana, un novo proxecto para o futuro

O pasado venres, 24 de novembro, clausuráronse as Xornadas dedicadas á figura do médico e filósofo do século XVI, o tudense Francisco Sánchez, que nas dúas últimas semanas desenvolvéronse na nosa cidade por medio de catro relatorios, en concreto os días 16, 17, 23 e 24 deste mes.

Para o Concello de Tui, por medio do seu Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración destas Xornadas teñen contribuído de xeito eficaz a espallar entre os tudenses o coñecemento desta esgrevia figura do noso pasado, de modo que a súa personalidade xa non resulta unha descoñecida para os nosos veciños logo da celebración destas Xornadas.

Cunha asistencia certamente moi positiva os diversos relatores participantes nas Xornadas coincidiron en sinalar o acerto da súa celebración por canto a traxectoria filosófica de Francisco Sánchez segue suscintando interese entre os estudosos da cultura e da filosofía pois as súas achegas ao pensamento do Renacemento europeo resultan aínda certamente actuais. Neste sentido incidiron básicamente as ponencias presentadas por Manuel Bermúdez, da Universidade de Córdoba, e Martín González, da Universidade de Santiago de Compostela, nas que foi posible constatar a grande influencia que o pensamento sancheciano ten acadado no pensamento europeo.

Pola súa banda, Gloria de Antonio no seu relatorio sobre a presenza xudea e conversa en Tui incidiu na importancia da nosa cidade neste aspecto histórico pois é dos escasos núcleos de poboación en Galicia onde está documentada a existencia de sinagoga e cemiterio, dunha carnicería con alimentos que seguían os rituais hebráicos ou como os comerciantes xudeus emitían nos séculos baixomedievais letras de cambio dende a nosa cidade.

Finalmente, Luis de Larramendi e Xavier Agenjo amosaron a contradición existente entre a grande relevancia que no século XVI tiña o pensamento de Francisco Sánchez, citado ao mesmo nivel que Descartes por exemplo –ao que moitos acusaron de plaxiar ao tudense- e a desproporción existente na actualidade, medida, por exemplo, nun parámetro tan actual como Google. A proposta de edición dixital da obra de Francisco Sánchez tería, en consecuencia, a finalidade de superar o descoñecemento da súa obra no noso tempo.
Este proxecto de edición dixital que promove a Fundación Ignacio Larramendi conta co apoio do Concello de Tui que está, actualmente, traballando en acadar o financiamento preciso para que este proxecto poida executarse axiña.

En consecuencia, a celebración destas Xornadas sobre Francisco Sánchez teñen demostrado que a súa figura constitúe un dos principais referentes da historia tudense cunha dimensión internacional, e que a edición da súas obras contribuirá eficazmente á proxección da nosa cidade de Tui.

Por último, dende a Concellería de Culura tudense agradecese a todos os asistentes aos diversos relatorios a súa presenza nestes actos así como a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia o seu apoio e financiamento destas “Xornadas Francisco Sánchez”.