Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"Do Soto ao Tellado": 9 miradas ao espazo e entorno social de Tui

17/11/2011

Mañá, venres 18 de novembro ás 20,30 horas, abre ao público a exposición “Do soto ao tellado: 9 miradas ao espazo e ao entorno social de Tui” que realiza unha arriscada “reforma” do espazo expositivo da zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións, cunha nova visión deste ámbito. A exposición está estruturada en torno a dous temas: a natureza e a cidade de Tui, vistas dende unha novidosa perspectiva.

Nesta mostra participan tres artistas galegos, Xosé Rivada, cunha ampla experiencia no mundo da arte, xunto a Andrea Costas e Olalla Framiñán, alumnas do 4º Grado de Belas Artes que se estrean neste evento.

Nesta exposición atoparemos unha mostra de diferentes pinturas sobre plásticos negros; a luz dos focos incidindo sobre os plás­ticos creará diferentes reflexos variando a estrutura das obras segundo a perspectiva do propio espectador. A disposición de toda a sala pretende emular unha dinámica construtiva, como a que se leva a cabo dende que a natureza está presente na vida do home, ata que este a manipula, paso a paso, construín­do así unha cidade. En relación con esta idea nace o nome da mostra,“Do Soto ao Tellado”, partindo dende unha base natural, a natureza, ata acadar a parte resgardada do tellado, a cidade.

Toda a sala se configura como obra de arte, xogando co pro­pio soporte da mostra, que poderá apreciarse no seu máximo auxe o día da inauguración acompañada pola música de Karolis Biveinis e a súa obra “Voicing”.

Para a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, esta exposición enriquece a programación da Sala Municipal de Exposicións dada o carácter novidoso da súa proposta artística. Ao tempo evidencia o compromiso deste concellería coa promoción dos novos valores que no ámbito das artes plásticas xorden na nosa cidade como é neste caso, con Andrea Costa, que cursando o último ano de Belas Artes enceta co nesta mostra a súa traxectoria artística.

 

Xosé Rivada

Artista nacido na Ribeira Sacra, Ourense, no ano 1953. É un artista plástico, que ten como referencia toda a súa obra e toda unha vida de experien­cias, certames, esculturas públicas, exposicións individuais e colectivas, no ámbito nacional e internacional con obra en coleccións públicas e privadas en España, Portugal, Francia e EEUU.

É o fundador e creador da “Revista e colectivo de artistas Toxo Verde”, director da “Sala de ex­posicións Kafi”, membro activo de “ACEA”, fundador da escola de “Hojalatería artística”... Obtivo diplomas, como por exemplo o diploma de honra da “Exposición de arte de Courcoury” Francia, placas honoríficas, mencións en distintos certames, etc.

 

Andrea Costa

Artista nacida en Tui, Pontevedra, no ano 1989. Estudou o Bacharelato de Ciencias Sociais, no IES de San Paio de Tui.

Nestes momentos está cursando o último curso do Grao de Belas Artes en Pontevedra. Expuxo anteriormente en varios lugares de Tui, como a “Frabricadetui” ou a cafetería “Gran Manzana”. Completou a súa formación con varios cursos de pintura e manualidades, curso de moldes e un curso de fotografía documental.

 

Olalla Framiñán

Artista nacida en Silleda, Pontevedra, no ano 1990. Estudou o Bacharelato de arte en Santiago, no IES de Sar.

Actualmente, ao igual que a súa compañeira, remata o Grao de Belas Artes en Pontevedra. Comeza pouco a pouco a integrarse dentro do mundo das artes coa súa primeira exposición colectiva. Ten varios cursos de pintura, e un curso de moldes.

 

Karolis Biveinis

Pianista e compositor nacido en Lituania no ano 1982.

Ao acabar a Escola Nacional das Artes de M.K Ciurlionis en Vilnius, Lituania, trasládase a Galicia, obtendo en 2002 o grao superior de piano, con matrícula de honor, no conservatorio superior de música de Vigo. Dende 2007 estuda o grao superior de composición neste mesmo centro, finalizando os estudos superiores de harmonía, contrapunto e análise.

Varias das súas obras atópanse no catálogo dos selos “Periferia sheet music” (Barcelona) e “Dos Acordes” (Baiona), así mesmo foron gravadas por Radio galega, grabación- estudio “Mans” (A Coruña), “Elite musical” (Vigo),...

Dende 2000 exerce o labor pedagóxico nos conservatorios municipais e dende 2009 é membro da Asociación Galega de Compositores.

 

“VOICING”

É unha composición electroacústica para voz feminina, realizada en dúas fases: a gravación de mostras (samples) e a secuencia. É unha composición minimalista baseada no principio da repetición patronal. A peza conta con tres partes que exploran distintas posibilidades sonoras de voz humana: susurro, fala e canto: A primeira basease na forma musical chamada “canon”, a segunda- na dislocación de tres patróns pregravados da mesma frase (o central permanece inmóbil, o primeiro retrátase durante o transcurso da obra e o terceiro adiántase), e a terceira- na repetición, engadindo e suprimindo fragmentos, duns dezaseis patróns diferentes.