Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Do martes 6 ao venres 9 de marzo está en Tui a exposición "Galicia, conservando a natureza"

5/03/2007

DE MAÑÁ MARTES AO VENRES ESTARÁ EN TUI A EXPOSICIÓN “GALICIA, CONSERVANDO A NATUREZA”

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle dende mañá martes, 6 de marzo, ata o vindeiro venres, 9 de marzo, a exposición “Galicia, conservando a natureza” que está organizada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Tui. Esta exposición itinerante leva percorridas numerosas localidades de Galicia e chega agora ata a nosa cidade.
“Galicia, conservando a natureza” está formada por 22 paneis nos que amósanse as principais características dos espazos naturais protexidos de Galicia e a súa biodiversidade, amais de mostrar a flora e a fauna de cada unha destas áreas protexidas. Entre estes espazos protexidos figura tamén o Parque Natural do Monte Aloia, emprazado no noso concello.

A exposición conta coa posibilidade de realizar visitas guiadas para os centros escolares da nosa localidade a cargo dun educador ambiental. Ata o momento son xa 14 os grupos de escolares tudenses que visitarán esta exposición ao longo desta semana en que permanecerá na nosa cidade.

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición amplía o abano de propostas que ao longo destes meses está ofertando a Sala Municipal de Exposicións combinando diversos tipos de exposicións que resulten de interese para os diversos sectores sociais tudenses. Xunto a mostras de caracter artístico ou de promoción turística, resulta positivo acoller exposicións de divulgación científica ou medioambiental como esta “Galicia, conservando a natureza”.

Presentación da exposición:

Rías, bosques, montañas, ríos, canóns, lagoas, illas, praias, dunas, matogueiras, esteiros..., unha gran variedade de ambientes que debuxan unha paisaxe única en Galicia. Unha paisaxe que non se pode comprender sen a presenza humana desde hai milleiros de anos, e que tamén deixou a súa pegada a través dun rico patrimonio cultural e etnográfico.

Para protexer esta riqueza natural, Galicia conta cunha rede de espazos naturais que é o reflexo desa variedade de hábitats e especies que compoñen a nosa xeografía, unha rede de espazos naturais que está integrada por bosques, montañas, ríos, lagoas, marismas, cantís, illas..., que axuda á conservación da biodiversidade que atesouramos no noso territorio.

Seguindo a tendencia doutros países e comunidades do noso contorno, a superficie protexida en Galicia foi aumentando progresivamente nos últimos anos, estando hoxe en día por riba do 12% do noso territorio. Esta superficie protexida está cuberta baixo varias figuras de protección, acordes aos valores de cada espazo natural: parque nacional, parque natural, monumento natural, humidal protexido, ZEPA, Lugar de Importancia Comunitaria...

Esta exposición da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia, pretende que todos os galegos e galegas, e máis especialmente, os habitantes dos espazos naturais protexidos coñezan os principais valores ambientais e patrimoniais que fixeron merecedores da protección aos diferentes espazos naturais.

Pero tamén, esta exposición pretende sensibilizarnos a todos da importancia que teñen os espazos naturais protexidos para a conservación da nosa biodiversidade, un patrimonio único e irrepetible, que temos a obriga de preservar para as xeracións futuras.