Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Dende hoxe aberta unha exposición sobre o cambio climático

16/07/2008

DENDE HOXE MÉRCORES 16 DE XULLO PÓDESE VISITAR A EXPOSICIÓN “CAMBIO CLIMÁTICO: O NOSO MUNDO, O NOSO FUTURO, A NOSA OPCIÓN”.

Dende hoxe, mércores 16 de xullo, e ata o xoves 31 de xullo pódese contemplar na zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a mostra itinerante “Cambio climático: o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción” que organiza a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.

A exposición amosa coma moitas das actividades que realizamos na vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático.

A subida do nivel do mar, as vagas de calor, tormentas, inundacións, ...son algunhas das consecuencias, que por todo o planeta, provocará o cambio climático. Nas nosas mans está impedir que isto aconteza, pero, é preciso que todos os actores sociais se involucren na loita contra este fenómeno global.

Tamén cabe dicir que a temática do cambio climático é complexa, e como consecuencia hai un gran descoñecemento sobre el por parte da cidadanía. Por iso con esta exposición pretendese dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Esta exposición está baseada no proxecto CLARITY - Acción Educativa polo Clima- pretende contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se están propoñendo para facerlle fronte.

Para a Concellería de Cultura do Concello de Tui a presenza desta exposición na cidade contribúe positivamente a divulgación da problemática medioambiental dos nosos cidadáns, promovendo a adopción de valores e actitudes na vida diaria que favorezan o desenvolvemento sostible das nosas localidades. Amais con esta nova exposición a Concellería de Cultura continúa ofrecendo na Sala Municipal de Exposición unha ampla e diversificada oferta de exposicións, tanto de carácter artístico como divulgador en múltiples materias.