Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

David Pérez Rego ‘Cato’ presenta a súa obra en Tui

7/09/2023

Mañá venres ás 20 h inaugúrase na Sala Municipal a mostra “Arquitectura, debuxo e tinta”

Mañá venres, 8 de setembro, ás 20 h  inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez a mostra ‘Arquitectura, debuxo e tinta” do artista porriñés David Pérez Rego ‘Cato’. O artista presenta ao longo deste mes de setembro máis de 50 debuxos orixinais, caracterizados por reproducir ao detalle, con estilógrafo, obras  do patrimonio arquitectónico de Galicia.

David Pérez Rego emprega nos seus debuxos unha técnica de punteado (stippling) e raiado (crosshatching) minuciosos que lle permite obter imaxes de gran realismo cun estilo moi persoal. O artista  dedica ducias de horas de observación, análise e traballo preciso na realización de cada imaxe, composta de milleiros de pequenos trazos.

Comenta o artista que “fronte á rapidez dunha era vertixinosa, penso que hoxe en día o vangardista reside na lentitude do proceso artístico. Concentrarse nunha execución minuciosa e dilatada no tempo produce tamén outros lazos coa obra, e representa, ademais, unha forma de meditación persoal similar a crear un mandala”.

A exposición poderá visitarse dende mañá ao longo de todo este mes de setembro.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca que “esta exposición achega a tudenses e visitantes unha ollada diferente a diversos elementos patrimoniais e arquitectónicos cunha mirada minuciosa que nos permite achegarnos a detalles moitas veces non percibidos”.