Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Cunha conferencia de Martín González, da Universidade de Santiago, continuan o xoves as "Xornadas Francisco Sánchez"

21/11/2006

CUNHA CONFERENCIA DE MARTIN GONZALEZ, DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO, CONTINUAN O XOVES AS “XORNADAS FRANCISCO SÁNCHEZ”

O vindeiro xoves 23 de novembro continuarán desenvolvéndose as “Xornadas Francisco Sánchez” neste caso cunha nova conferencia que correrá a cargo do profesor da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, Martín González Fernández, que disertará sobre “Francisco Sánchez, o filósofo de Tui”.
Martín González (Salvaterra de Miño, 1958), estudiou o Bachelerato no Instituto S. Paio de Tui. Cursou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Graduouse en 1984 cunha Tesina sobre «La filosofía de Francisco Sánchez, el Escéptico (1550-1623)» (premio da Excma. Diputación Provincial de Pontevedra a Traballos de Investigación, 1984) e doutorouse, tamén na USC, no ano 1991, con unha Tese sobre «a historia do escepticismo e a filosofía de Montaigne». É Profesor Titular de Filosofía, na USC, desde 1992. Actualmente, e dende o ano 2004, ademais de docente e investigador, ocupa o cargo de Director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social. Ten participado en diversos Proxectos de Investigación, financiados polo MEC e a Xunta de Galicia. É un dos promotores dos Simposios Luso-Galaicos de Filosofía, que se veñen celebrando, alternativamente, en Santiago de Compostela e Braga, desde o ano 1999 e ocupa tamén a Secretaria da Área de «Pensamento» do Seminario de Estudos Galegos (S.E.G.).
Martín González ten realizado numerosas publicacións froito da súa actividade investigadora, entre elas salientan as adicadas á figura de Francisco Sánchez; especialmente cómpre destacar o libro O laberinto de Minos. Francisco Sánchez, o Escéptico, un galego no Renacemento (Sada-Coruña: Edicións do Castro, 1991) así como varios artigos en revistas especializadas ou en publicacións colectivas (enciclopedias, libros, etc.) que o significan como o principal especialista en Galicia na obra do médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez.
Este ciclo de conferencias está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Tui coa pretensión de espallar entre os veciños de Tui o coñecemento desta esgrevia figura da nosa historia, o médico e filósofo Francisco Sánchez, un dos principais pensadores do Renacemento europeo e que tiña nacido en Tui e onde discurriron s primeiros anos da súa vida. Estas Xornadas contan co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Na pasada semana as conferencia de Manuel Bermúdez, da Universidade de Córdoba, e Gloria de Antonio, do Instituto de Estudios Galegos “P. Sarmiento” concitaron un amplo interese como quedou patentizado na asistencia de público a ambos relatorios que salientaron pola súa calidade.

O vindeiro venres, 24 de novembro, Luis Hernando de Larramendi e Xavier Agenjo, Vicepresidente e Director de proxectos, respectivamente, da Fundación Ignacio Larramendi, de Madrid, presentarán o proxecto de edición dixital da obra sancheciana.