Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocatoria e bases de selección para contratación laboral temporal de un Operario de Limpeza

22/08/2011

DONA IRENE SUÁREZ LÓPEZ, SECRETARIA DO CONCELLO DE TUI,

               CERTIFICA: Que por parte desta Alcaldía, con esta mesma data dictouse a seguinte:

 

“RESOLUCIÓN DA ALCALDÍA

 

CONVOCATORIA E BASES DE SELECCIÓN PARA A CONTRATACIÓN LABORAL TEMPORAL DUNHA PRAZA DE OPERARIO DE LIMPEZA PARA A SÚA ADSCRIPCIÓN AO SERVIZO DE RECOLLIDA DE LIXO DO CONCELLO DE TUI.

 

I.-  OBXECTO DA CONVOCATORIA

O obxecto das presentes bases é proceder á selección de dunha persoa para a súa contratación laboral temporal a tempo completo como operario de limpeza, motivada  polas actuais necesidades de persoal do Servizo de Recollida de Lixo e xustificada na providencia de alcaldía de 8 de agosto de 2011.

 

II.- CARACTERÍSTICAS DO POSTO DE TRABALLO

 O contrato se rexirá pola normativa reguladora dos contratos laborais temporais de duración determinada a tempo completo na modalidade de eventual por circunstancias da producción e cunha duración máxima de 4 meses dende o inicio do contrato, sendo a retribución bruta mensual de 931,34 euros, incluindo salario e prorrateo de pagas extra.

 

III.- REQUERIMENTOS DOS ASPIRANTES:

Nas instancias solicitarase presentarse ó proceso selectivo do posto de traballo correspondente, facéndose constar que se reunen, con referencia á data na que expire o prazo de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

1.- Ter nacionalidade española, sen prexuizo do disposto no artigo 57 da Lei 7/2007, de 12 de abril.

2.- Posuir capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

3.- Ser maior de dezaseis anos, e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

4.- Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das Administracións Públicas, órganos  constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas,  nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas de conformidade co disposto no artigo 56.1 da Lei 7/2007. de 12 de abril.

5.- Posuir a titulación esixida: certificado de escolaridade ou equivalente.

6.- Ter ingresado na conta da Tesourería do Concello de Tui,  durante o prazo de presentación de instancias, o importe en concepto de dereitos de exame segundo o disposto na ordenanza reguladora correspondente.

 

IV.- PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES

 As solicitudes para a participación no presente proceso selectivo presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Tui ou en calquera das formas prevista no artigo 38.4º da Lei 30/92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administración Públicas e Procedemento Administrativo Común, no prazo de 5 días hábiles dende o día seguinte ó da publicación da convocatoria nun xornal de difusión provincial. No suposto de presentarse a instancia fora do Rexistro Xeral do Concello, será necesario remitila por Fax ao nº 986 60 41 48, o mesmo día da súa presentación, para que sexan incluidos na lista de admitidos.

Xunto á instancia achegárase:

  *-Copia cotexada do DNI.

  *-Copia do xustificante de ter aboado os dereitos de exame.

  *-Copia cotexada do certificado oficial acreditativo do nivel Celga 3 de coñecemento da lingua galega, aos efectos de quedar exento da realización da proba de galego.   

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Sr. Alcalde, no prazo máximo de 1 mes, mediante resolución aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos. Dita resolución será definitiva de non haber excluídos, e será exposta no taboleiro de anuncios do Concello, así como na páxina web do mesmo ( www.concellotui.org ), relacionándose os aspirantes excluídos coa indicación da causa de exclusión. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de tres días hábiles para reclamacións e corrección das deficiencias sinaladas. Estas reclamacións e correccións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución que aprobe a lista definitiva, que publicarase na mesma forma. Contra a resolución na que se declare a exclusión definitiva do aspirante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que dictou o acto, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante a Xurisdicción Contenciosa-Administrativa, contados a partir do día seguinte da publicación no Taboleiro de anuncios do Concello de Tui.

 

V.- SELECCIÓN DOS CANDIDATOS.

Rematado o prazo de presentación de instancias o Tribunal formado como prescribe o artigo 60 da Lei 7/2007 de 12 de abril, procederá a efectua-la selección conforme se describe no punto VI destas bases.

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando neles concorran circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común. Os aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando se dean calquera das citadas circunstancias.

O tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente, debendo estar presente en todo caso,o Presidente e o Secretario ou quen legalmente os sustitúa.

Os membros concorrentes ás sesións do Tribunal e para os efectos de percepcián de asistencias se clasificarán consonte o disposto no artigo 33 do Real Decreto 462/2002 sobre indemnizacións por razón de servicio.

O tribunal na súa actuación axustarase ao establecido nas presentes bases; no non disposto, seralle de aplicación á normativa prevista para a formación da vontade dos órganos colexiados, tanto na lei 30/1992 do 26 de novembro como na demais normativa de aplicación.

 Rematado o proceso de selección o Tribunal aprobará a relación de aspirantes en orde de maior a menor puntuación e propondra o Sr. Alcalde para a súa contratación á persoa que encabece a relación do proceso selectivo.

No prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Taboleiro de Edictos do Concello da relación, o aspirante proposto deberán presenta-la documentación acreditativa dos requisitos sinalados nestas Bases para acceder ó posto de traballo, así como realizar o preceptivo curso de prevención de riscos laborais, perdendo os seus dereitos se así non o fixera.

No caso de que a persoa seleccionada non reunise os requisitos necesarios para a contratación poderá ser substituída pola seguinte da relación do proceso selectivo, situación que tamén poderá suceder  no caso de ser necesario cubrir algunha praza por razóns de baixa, enfermidade, etc. utilizando para iso a modalidade de contratación laboral apropiada para cada caso.

No caso de quedar deserto o proceso selectivo por non superar ningún aspirante a proba ou por non presentarse ningún a esta, o Sr. Alcalde queda autorizado a convocalo novamente cantas veces fose necesario, de conformidade coas presentes bases.

 

VI.- PROCESO DE SELECCIÓN:

O procedemento de selección será o de oposición libre, e consistirá na realización dos seguintes exercicios:

a) Primeiro exercicio: Obrigatorio e eliminatorio de carácter teórico.

Consistirá en contestar por escrito a unha serie de preguntas ou a un cuestionario tipo test, de preguntas con respostas alternativas baseadas no contido do programa que figura como anexo I nesta convocatoria. Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo eliminados todos aqueles aspirantes que non superen a puntuación mínima de 5 puntos.

b)Segundo exercicio: Obrigatorio e eliminatorio de carácter práctico.

Rematado o exercicio teórico e na mesma sesión, realizarase unha proba de coñecemento práctico do traballo a desenvolver e que será determinada polo tribunal así como o tempo para a súa realización, inmediatamente antes do inicio do mesmo. Este exercicio puntuarase de 0 a 10 puntos, sendo eliminados todos aqueles aspirantes que non superen a puntuación mínima de 5 puntos.

 

c)Terceiro exercicio: Proba de coñecemento de lingua galega. Obrigatorio e non eliminatorio.

Rematado o exercicio práctico e nesta mesma sesión, realizarase unha proba de coñecemento de lingua galega que consistirá na traducción dun texto de castelán a galego, determinado polo tribunal inmediatamente antes da realización do mesmo e que puntuaráse de 0 a 3, sendo este exercicio de carácter obrigatorio pero non eliminatorio.

Estarán exentos da realización deste exercicio os aspirantes que acrediten posuir o Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, aos que se lles asignarán os 3 puntos.

          VII.- CALIFICACIÓN FINAL.

A puntuación total do proceso selectivo será a suma  das cualificacións obtidas polos aspirantes nos distintos exercicios da fase de oposición. Rematada a selección o tribunal formulará unha proposta á Alcaldía co aspirante que obtivese a maior puntuación no proceso de selección, e que se publicará mediante anuncio no Taboleiro de Anuncios do Concello de Tui .

 

VIII.- FORMALIZACIÓN DO CONTRATO.

No prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no Taboleiro de Anuncios do Concello da relación citada o aspirante proposto deberá presentar a documentación acreditativa dos requisitos establecidos na base III para acceder ao posto de traballo, así como realizar o preceptivo curso de prevención de riscos laborais, perdendo os seus dereitos se así non o fixera.

No caso de que o aspirante escollido non aportara a documentación aludida ou de que durante o período de contratación quedara vacante ou fose necesario cubrir a praza temporalmente por baixa de calquera tipo, o Alcalde poderá contratar, coa forma legal de contrato apropiada, ao aspirante que superando o exercicio escrito, seguise en puntuación na relación citada e así sucesivamente. Nestes casos o novo aspirante á contratación terá que aportar a documentación no prazo de tres días hábiles a partir da notificación da súa proposta, e os requisitos esixidos entenderanse con referencia á data en que remata o prazo de presentación da documentación.

En caso de que quedara deserto o proceso selectivo por non superar ningún aspirante a proba ou por non presentarse ningún á mesma, o Alcalde queda autorizado a convocalo novamente cantas veces fose necesario de conformidade coas presentes bases.                               

ANEXO I: TEMARIO

 

Tema 1.- O municipio. Órganización e funcións. O Alcalde, Pleno, Xunta de Goberno Local.

Tema 2.- As competencias municipais.

Tema 3.- Dereitos e deberes do persoal ao servizo da Administración Local.

Tema 4.- Limpeza pública. Tipos de traballos a realizar polos operarios do Servizo de Limpeza.

Tema 5.- Limpeza de Rúas e Sumidoiros. Residuos perigosos. Contenedores para residuos.

Tema 6.- Ordenanza muncipal de Limpeza Viaria e de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos.

Tema 7.- A recollida de residuos sólidos urbanos. Sistemas e Métodos.

Tema 8.- Aspectos ecolóxicos de la limpieza. A reciclaxe de residuos.

Tema 9- Coñecemento do termo municipal: toponimia e rueiro do Concello de Tui.

Tema 10- Aspectos básicos sobre seguridade e hixiene no traballo propios dun operario de limpeza. 

 

E para que así conste, expido a presente, de orde e co visto e prace do Sr. Alcalde, en Tui, a dezaoito de agosto de dous mil once.

 

Visto e Prace

O ALCALDE